O PSDEG DA ESTRADA ULTIMA UN PLAN ESTRATÉXICO DO DEPORTE NO QUE SERÁN CLAVE AS APORTACIÓNS DOS VECIÑOS

López Bueno: “Cabe calquera mellora que aporten os estradenses, pois son eles os que saben o que botan en falta no ámbito deportivo e o que está a facer mal o PP, que non é pouco”

As claves: mellorar as instalacións deportivas municipais -descoidadas e esquecidas polo PP -, apostar polo deporte como forma de vida e promover a igualdade dende a idade escolar

A Estrada, 30 de abril de 2010.- O PSdeG ultima a elaboración dun Plan Estratéxico do Deporte adaptado ás necesidades reais da Estrada, para o que contará coa opinión dos clubes deportivos do Concello e, por suposto, de todos os veciños e veciñas que desexen facer as súas aportacións.

“Trátase dun proxecto moi avanzado, no que cabe calquera mellora que aporten os estradenses, pois son eles os que realmente saben o que botan en falta no ámbito deportivo do concello e o que está a facer mal o PP, que non é pouco” sinala López Bueno.

O alcaldable socialista recalca que “actualmente só se aborda o deporte pensando no deporte federado, e nós queremos ir máis alá. Apostamos por crear unha Fundación Deportiva do Concello da Estrada coa que mellorar a xestión dos servizos, a coordinación dos diferentes axentes deportivos, e favorecer a contratación de persoal.

Entre as claves do Plan Estratéxico que proporán os socialistas nos vindeiros días, unha vez escoitados a todos os veciños que o desexen, atópanse: manter, mellorar e ampliar as instalacións deportivas de titularidade municipal -actualmente descoidadas e esquecidas polo Partido Popular-, apostar polo deporte como forma de vida polos seus beneficios na saúde, e promover a igualdade no deporte dende a idade escolar, a través de programas municipais.

Todo aquel que desexe facer chegar as súas propostas terá ó equipo do PSdeG da Estrada á súa enteira disposición, contactando mediante o enderezo electrónico: psdgpsoe.aestrada@gmail.com 

Esta entrada ha sido publicada en alcaldía, Candidatura, eleccións municipais, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , . Guarda el enlace permanente.