LÓPEZ BUENO APOSTA POLA COLABORACIÓN COAS ASOCIACIÓNS VECIÑAIS PARA ELABORAR ESTRATEXIAS QUE CONVERTAN Ó TURISMO “NUN DOS MOTORES ECONÓMICOS DA ESTRADA”

Defende un modelo no que os recursos naturais sexan os protagonistas, potenciando as zonas fluviais e as sendas verdes

Propón a ubicación dunha nova oficina de turismo no Museo Reimóndez Portela e a recuperación da subvención da Deputación para costear un axente turístico

A Estrada, 10 de maio de 2019.- O candidato do Partido Socialista á alcadía da Estrada, Luis López Bueno, está convencido de que o turismo “debe ser un dos motores económicos da Estrada”, polo que considera imprescindible “colaborar coas asociacións locais para elaborar estratexias e encaminar o apoio do concello a iniciativas concretas”.

“Queremos que os recursos naturais sexan os protagonistas. Crearemos zonas fluviais no entorno dos nosos ríos, escoitando ós veciños que xa traballan nestas iniciativas, e rodearemolas de sendas verdes peonís e para bicicletas, que conecten o casco urbano e os diferentes puntos de interese rurais, que son moitos”, explica o alcaldable socialista.

Para que estas novas rutas poidan ser correctamente explicadas ós turistas, sería necesario ofrecerlles un axente especializado que os atenda, e que conte cun “lugar atractivo” para facelo, polo que o PSdeG aposta pola apertura dunha oficina de turismo nas instalacións do Museo Reimóndez Portela.

Neste senso, López Bueno lembra que aínda que a Deputación de Pontevedra financiou a construcción deste museo “o PP aínda non se dignou a abrilo”, e que a institución provincial ofreceu tamén unha subvención que cubría o custo do salario dun axente turístico, “que os populares rexeitaron e prefiren pagar con cartos das arcas municipais”.

Colaboración con outros concellos A aposta do PSdeG pola potenciación do turismo pasa tamén pola colaboración con concellos veciños para ofrecer unha rede de lugares máis ampla que permita acceder a un tipo de cliente con estancias máis longas.

Esta colaboración implicaría a creación de plans turísticos conxuntos que se promocionarían en eventos e diversas canles de marketing.

No eido do turismo, na folla de ruta socialista tamén entra conseguir que a Rapa das Bestas sexa declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.

Esta entrada ha sido publicada en alcaldía, Candidatura, eleccións municipais, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , , . Guarda el enlace permanente.