REGADES ANUNCIA O COMPROMISO DAS E DOS ALCALDABLES SOCIALISTAS COA DEFENSA DA ATENCIÓN PRIMARIA

A Estrada, 15 de maio de 2019. “Hoxe adquirimos un compromiso de cara as próximas eleccións municipais: reclamar á Xunta de Galicia desde os gobernos municipais unha Atención Primaria de calidade”. 

Así anunciou este mañá de mércores o secretario xeral provincial, David Regades, a férrea defensa que as candidatas e candidatos socialistas farán da sanidade pública, e en especial da Atención Primaria, desde os concellos a partir do próximo 26 de maio.

Nunha rolda de prensa dada onde o Centro de Saúde da Estrada xunto ao candidato á alcaldía, Luis López Bueno, e o voceiro de Sanidade no Parlamento de Galicia, Julio Torreiro, Regades afirmou que a actual situación “é completamente insostible”, sendo un dos temas “que máis preocupan á cidadanía”.

As e os nosos alcaldes non van antepor os intereses políticos ou de partido aos intereses da cidadanía”, afirmou, sinalando o compromiso de López Bueno “coa veciñanza” fronte ao alcalde da Estrada, “que non lle planta cara ao señor Feijóo e ao PP por ser do mesmo partido” ante os problemas na atención sanitaria da vila. “A Estrada precisa unha atención sanitaria de calidade que non ten”, engadiu.

A atención primaria é o sistema sanitario que máis hai que coidar”, explicou o máximo dirixente do partido na provincia, engadindo que un 80% de casos pódense resolver nesta primeira atención sanitaria se estes centros contan con persoal e medios, unha adecuada xestión dos seus recursos e a formación precisa. “Da súa adecuada capacidade de resolución de casos depende que as urxencias hospitalarias non se saturen e, en moitos casos, que os problemas médicos non se agraven pola espera, evitando tratamentos máis custosos e complexos”, argumentou.

Regades lembrou tamén a situación vivida o pasado verán en moitos centro de saúde da provincia, onde a falta de profesionais levou a que fose cualificado como “o verán do desastre na Atención Primaria galega”. “Fronte a esta situación a resposta do Sergas é que faltan profesionais, cando a realidade é que o que falta é planificación e condicións laborais dignas”, recordou, recordándolle ao goberno de Feijóo e o PP que o verán está aí “e a Xunta segue a perpetuar a súa política de recorte non substituíndo ás e aos profesionais”.

O candidato á alcaldía, López Bueno, lembrou o falecemento acontecido o pasado verán ante a falta de persoal sanitario no PAC. “Na Estrada xa tivemos consecuencias fatais”, sinalou. “Non hai vontade de contratalos con condicións dignas”, engadiu.

López Bueno fixo tamén referencia ao novo centro de saúde que se está a construír na Estrada, denunciando incongruencias como que a servizo de fisioterapia “estea na terceira planta e non nos baixos”, como sería normal para atender a persoas que, en moitos casos, teñen problemas de mobilidade. Tamén lle recordou ao actual alcalde e candidato do PP que contar con novas infraestruturas sanitarias está ben, “pero a sanidade funciona con doutores e doutoras, enfermeiras e enfermeiros, e non con formigón”.

Pola súa banda, Julio Torrado lembrou que non é casual “que sexamos a terceira peor comunidade” en valoración do sistema sanitario público tras os recortes aplicados pola Xunta de Feijóo. “Hai 10 anos a Atención Primaria tiña en Galicia 189 millóns de euros máis que agora”, indicou o deputado e voceiro de Sanidade.

A cidadanía é bastante lista e sabe que temos grandes profesionais”, sinalou Torrado, que lembrou que na avaliación que fai o Ministerio de Sanidade as veciñas e veciños valoran aos profesionais “entre as e os mellores do Estado” mentres tres de cada catro sinalan que son necesarios cambios na xestión por parte da Consellería e a Xunta de Galicia. “Este sistema funciona gracias ás e aos profesionais e a pesares dos seus dirixentes”, finalizou.

Esta entrada ha sido publicada en eleccións municipais, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , , . Guarda el enlace permanente.