O PSOE DA ESTRADA AMPLIARÁ AS AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR E COMEDOR E DARÁ FACILIDADES ÁS ANPAS

Estudará a creación de Aulas de Reforzo Municipais, un servizo de apoio educativo dirixido ás persoas con menos recursos

López Bueno : “Esixiremos á Xunta que subsane as múltiples carencias dos centros educativos da Estrada”

A Estrada, 17 de maio de 2019.- O Partido Socialista da Estrada continúa desglosando a aposta pola igualdade de oportunidades recollida no seu programa electoral.

No ámbito da educación, os socialistas ampliarán as axudas para adquisición de material escolar en función da renda familiar, e revisarán e mellorarán as axudas para comedores escolares.

Ademáis, estudarán a creación de Aulas de Reforzo Municipais, un servizo de apoio educativo subvencionado polo concello e que estará dirixido ás persoas con menos recursos que teñen nenos e nenas que precisan clases particulares.

Reunións coas ANPAS
O PSOE está a manter reunións coas ANPAS dos distintos centros escolares para coñecer as súas necesidades, e estas piden facilidades na súa labor. Por este motivo, os socialistas ampliarán os servizos para facilitar a xestión administrativa das ANPAS e das súas subvencións, para que “non perdan demasiado tempo ca burocracia e poidan adicarllo ós rapaces” explica López Bueno.

Outra das demandas das ANPAS é a mellora das infraestruturas escolares. O candidato socialista á alcaldía amósase “realmente preocupado” polo “estado de abandonos dalgúns centros educativos estradenses”, polo que comprométese a “esixir á Xunta que subsane as múltiples carencias nas súas infraestruturas canto antes”.

No tocante ó Servizo de Pais e Nais Madrugadores, o PSOE continuará mantendo reunións coas ANPAS para analizar a demanda e a posible necesidade de reforzo.

Fomentar a convivencia
O PSOE promoverá a celebración de actividades entre os centros educativos para mellorar as relacións dos cativos e cativas en xornadas de convivencia en torno á cultura, ó deporte, á educación para a cidadanía, etc

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura, eleccións municipais, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , , . Guarda el enlace permanente.