O PSOE DE A ESTRADA SOLICITARÁ INFORMES PARA ACLARAR A SITUACIÓN DO SERVIZO DE ATENCIÓN NO FOGAR

López Bueno: “Están a producirse situacións dramáticas a causa da lista de espera”

A Estrada, 17 de xullo de 2019. O PSOE de A Estrada solicitará informes para aclarar a situación do Servizo de Atención no Fogar. “Solicitaremos informes tanto do persoal técnico do Concello e da Xunta, empregando o noso grupo parlamentario” precisou López Bueno. “Debemos coñecer as horas concedidas e asignadas, e as listas de espera de cada concello, dese xeito a Xunta poderá ordenar os recursos como corresponde”.

O voceiro do PSOE asegurou que “están a producirse situacións dramáticas a causa da lista de espera”, o que achaca á “ineficacia das medidas tomadas polo Concello”. Recordou que “o aumento do orzamento explícase pola suba do salario mínimo, non se destina a mellorar o servizo”, por iso considera que “a suba de horas que anunciou o Goberno municipal é unha brinde ao sol, xa que o servizo continúa estando moi lonxe das necesidades que teñen os veciños e veciñas”.

López Bueno manifesta que “hai solicitudes de veciños e veciñas en situacións moi urxentes que non se están atendendo” e exemplifícao en “parellas de anciáns nas que ambos os membros teñen alzheimer ou demencia”. Ademais, insta ao goberno a que fixe prioridades “estas situacións son as que corresponde resolver, e está claro que unha nova alameda non é a solución aos problemas de verdade”.

UNIDADE DE ATENCIÓN TEMPERÁ

López Bueno amosouse aliviado co anuncio de que A Estrada contará cunha unidade de atención temperá. “O programa do PP en servizos sociais era raquítico, por non dicir vergoñento. Menos mal que están a recoller algunha das nosas propostas”.

Esta entrada fue publicada en alcaldía, Luis López Bueno y etiquetada , , , . Guarda el enlace permanente.