O PSOE DE A ESTRADA ESIXE UNHA POLÍTICA DEMOGRÁFICA QUE CORTE A PERDA DE POBOACIÓN

O goberno municipal recibe de novo un duro golpe, os datos non menten” manifestou López Bueno.

A Estrada, 2 de xullo de 2019. O PSOE de A Estrada esixe unha política demográfica que corte a perda de poboación. Sobre os datos de variacións residenciais de 2018, López Bueno considera que “o goberno municipal recibe de novo un duro golpe, os datos non menten”.

O voceiro socialista fixo notar con sorna que “a xente marcha da Estrada porque non hai traballo, pero temos unha alameda fantástica e unha praza onde segundo dixo o alcalde, agora poden aterrar helicópteros”. Tamén valorou que “este goberno sempre se escuda en que os datos son negativos en todas partes, pero cando en Cuntis, Silleda e Lalín os datos son positivos e na Estrada perdemos residentes, as carencias das políticas municipais saen a relucir”.

López Bueno foi moi crítico coa acción do goberno neste ámbito, “despois de oito anos de goberno salta á vista que non teñen nin idea de como atallar a crise demográfica da Estrada”, e lamentou que “os concellos da nosa contorna con gobernos socialistas están a medrar, cando na Estrada non facemos outra cousa que dar pasos cara atrás”.

Os socialistas intentan sacar tamén unha lectura positiva, “a única razón para o optimismo é que peor non podemos ir, poñémonos á disposición do goberno municipal para deseñar políticas que atallen este drama demográfico”. Tamén “convidamos ao partido popular a que vexan o noso programa electoral, onde si había unha prioridade que era cortar a sangría demográfica a través de medidas en todas as áreas de goberno”.

López Bueno tamén se referiu á colocación no Concello das bandeiras LGTBIQ, que valorou como “unha iniciativa positiva”, pero lamentou profundamente a colocación das bandeiras “estaban do revés, é un ridículo con maiúsculas”. Criticou que “en plenas festas, as bandeiras camparon mal colocadas durante os días nos que máis xente visita A Estrada”.

Considera que “o responsable da iniciativa debería pedir desculpas por este horroroso descoido”, e opina que “isto revela que o goberno non funciona, se non saben como é a bandeira, poden consultar antes de poñela”.

 

Esta entrada ha sido publicada en alcaldía, Luis López Bueno y etiquetada como , , . Guarda el enlace permanente.