O PSOE SÚMASE Á PRESIÓN SOBRE A XUNTA PARA AVANZAR NA CONSTRUCIÓN DA AUTOVÍA A SANTIAGO

O goberno municipal atopará no PSOE da Estrada un aliado para esixir este proxecto, como levamos facendo xa durante os últimos 8 anos” manifestou López Bueno

A Estrada, 11 de xuño de 2019. O PSOE de A Estrada téndelle a man ao goberno municipal na negociación coa Xunta de Galicia sobre a Autovía Santiago – A Estrada. “O goberno municipal atopará no PSOE da Estrada un aliado para esixir este proxecto, como levamos facendo xa durante os últimos 8 anos” manifestou López Bueno.

López Bueno recordou que o Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia leva 8 anos “pelexando o proxecto, a pesar do caso omiso da maioría absoluta do PP”. O socialista espera “que o goberno municipal sexa quen de aproveitar a debilidade xeral do PP a nivel galego, e explotar a vantaxe de que A Estrada é unha das poucas alcaldías grandes que lle quedan ao Partido Popular”.

Lamenta tamén que “despois de 8 anos sen defender os intereses da Estrada, o goberno municipal pretenda dar a imaxe de valedores desta infraestrutura”.

Situación económica e xerencia da Fundación do Moble

O PSOE recordou que na xornada de onte se reunía o padroado da Fundación do Moble, que a ollos dos socialistas se atopa nun momento decisivo. “Existe unha situación reiterada de perdas económicas que cómpre resolver canto antes”.

López Bueno reiterou a proposta do PSOE dunha “xerencia profesional” para a Fundación. “Nemesio Rey xa non poderá ser membro do padroado como ata agora, e polo tanto non poderá asumir as tarefas que viña realizando a modo de parche”.

Aos socialistas preocúpalles a situación de “favor da Xunta de Galicia cara outros recintos feirais veciños, co silencio conivente do goberno municipal”.

O PSOE esíxelle á Xunta que “asuma as súas responsabilidades, xa que controla o Padroado da Fundación”. Consideran tamén que “a persoa experta en organización de eventos debe vir financiada pola administración autonómica”.

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , . Guarda el enlace permanente.