O PSOE DE A ESTRADA ESIXIRÁ UNHA PARTIDA DIGNA PARA ARRANXAR O ACCESO TRASEIRO AO POLÍGONO DE TOEDO

O concello renunciou en 2011 a 126.000 €, falaba en 2012 dun proxecto de 600.000 € e en 2019 antes da campaña anunciaron gastar 50.000 €. O único certo é que o investimento é de 0 € dende 2011 a 2019” manifestou López Bueno

A Estrada, 4 de xuño de 2019. O PSOE de A Estrada instará ao goberno municipal a ampliar o orzamento destinado ao arranxo do acceso traseiro do polígono de Toedo. “O firme está a desgastarse de xeito escandaloso, e o orzamento escaso que se dera daquela agora é manifestamente insuficiente” comentou López Bueno. “Precísase unha solución definitiva e duradeira, non abonda con tapar os buratos para atoparse co mesmo problema o ano que vén”.

López Bueno apuntou que “o proxecto anunciado engloba tres actuacións en tres pistas distintas, pero consideramos que non serán arranxos satisfactorios en ningunha delas”. Ademais revelou que “o concello xa renunciou en 2011 a fondos para o arranxo concreto do acceso a Toedo, e agora pagarémolo con cartos de todos os estradenses”.

Amosouse preocupado porque “tamén se anunciara o desenvolvemento de solo industrial público en Toedo, pero vendo o proceder co arranxo do acceso, pensamos que non será unha prioridade para o goberno”. “Durante a campaña electoral xa o temos comentado, desenvolver solo non é a única actuación necesaria para mellorar a competitividade industrial da Estrada, precísanse servizos, dotacións e boas comunicacións. Só con estes elementos seremos capaces de asentar empresas nese emprazamento”.

Esta entrada ha sido publicada en estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , , . Guarda el enlace permanente.