LÓPEZ BUENO TACHA DE «CHAPUZA» OS ASFALTADOS DE SOUTO

Visitou xunto co concelleiro Manuel Cerdeira a parroquia de Souto ante o descontento dos veciños coas recentes actuacións do concello

A Estrada, 15 de marzo. Luis López Bueno achegouse á parroquia de Souto para comprobar as queixas que lle trasladaron os veciños sobre os recentes asfaltados. «Reduciron o ancho das pistas sen ningunha xustificación crible, e ademais as marxes non cumpren a súa función de canalizar as augas pluviais», apuntou. Respecto disto último explica que «as augas invaden as pistas e levan as pedras ao centro da carretera, é unha chapuza».

O candidato do PSOE achácalle isto á «nula planificación da reposición dos firmes das pistas» e remarcou con sorna que «podían ter empregado o cemento da praza do concello en facer unhas canalizacións de xeito». Amosouse preocupado pola fartura das veciñas e dos veciños coa situación, que segundo afirma López Bueno, «non entenden como o actual goberno só se preocupa por eles en períodos preelectorais».

Tamén resaltou outras deficiencias que existen na parroquia como unhas pedras que ameazan con desprenderse a carón dunha casa no lugar de Montillón.

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura, eleccións municipais, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , . Guarda el enlace permanente.