O PSOE REAFIRMA A LICITUDE DAS PROPOSTAS RECOLLIDAS NA SÚA MOCIÓN PARA A REFORMA DA ORDENANZA DO IBI

Fronte ás dúbidas de Berto Blanco, López Bueno alega que “as súas valoracións están trabucadas, son propostas perfectamente reguladas na Lei”

A ESTRADA, 27 de agosto de 2019. Os socialistas da Estrada defenden as súas propostas na súa moción para a reforma da ordenanza do IBI e consideran “desafortunadas” as valoracións do edil de facenda, Berto Blanco.

López Bueno manifestou que o artigo 74.1 da Lei de Facendas Locais é claro, non esixe que os inmobles suxeitos a bonificación deban estar afectos a actividade económica, se non que “a norma prevé que esas características – tipos de construción e usos do solo – se especificarán na ordenanza, polo que non existe limitación ningunha para aplicarllo a vivendas con uso residencial”. Ademais, o voceiro socialista apuntou que “abonda con consultar as ordenanzas doutros Concellos para comprobar que é posible, por exemplo Santiago de Compostela regula esta bonificación dun xeito semellante ao que propoñemos na moción, abonda con consultar a súa ordenanza fiscal para entender o tenor da nosa proposta”. López Bueno entende que “Berto Blanco debería ser máis prudente nas súas declaracións, porque se trata de propostas de calado e non é suficiente con estudalas nun par de horas. Requírese un tempo para analizalas e comprendelas en profundidade. Ademais diso, como comentamos, os servizos xurídicos doutros concellos avalan a proposta, logo non lle corresponde ao Concelleiro lanzar dúbidas sobre a legalidade ou non da bonificación”.

López Bueno lamentou que “López Campos e Berto Blanco son máis partidarios de eliminar bonificacións que de aplicalas”, e achácalle a valoración negativa do goberno á “inacción do goberno municipal nos últimos 8 anos, nos que non estenderon a rede de saneamentos nin as traídas de auga. Se fixeran o seu traballo como corresponde, seguro que a proposta non tiña ningún problema”. O voceiro socialista reafirmouse na súa convicción de que o goberno leva a cabo unha “política fiscal confiscatoria, recadan os impostos pero non se traducen en investimentos. Pódelle gustar máis ou menos ao señor López Campos, pero trátase dun atraco ao peto dos veciños e veciñas”.

Sobre a bonificación á vivenda en aluguer social, os socialistas entenden que se trata dunha bonificación moi clara na mesma lei, e non cabe dúbida de cal é o seu sentido. López Bueno indicou que “non se contempla na nosa ordenanza, e simplemente se debe incluír para as vivendas que estean alugadas neste réxime”. Tamén considera “un disparate” a afirmación de Berto Blanco respecto das vivendas de aluguer social, “simplemente é mentira que en Galicia non existan as vivendas de aluguer social, xa que veñen amparadas por un programa do Estado no que participan varios ministerios”.

Os socialistas alégranse de que “exista vontade de acordo respecto do recargo a financeiras e inmobiliarias polos bens inmobles permanentemente desocupados” pero consideran que “a definición definitiva do recargo está pendente de concretar na comisión que foi anunciada”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura, concelleira, Luis López Bueno. Guarda el enlace permanente.