O PSOE DA ESTRADA CRITICA A DEIXADEZA DO GOBERNO RESPECTO DAS FEIRAS DOS MÉRCORES NA ESTRADA

López Bueno: “Cómpre tomar medidas de dinamización, xa que é un importante atractivo para os consumidores e para o comercio”

A Estrada, 24 de setembro de 2019.- O PSOE da Estrada critica a deixadeza do Goberno municipal respecto da feira que se celebra todos os mércores na Estrada. López Bueno afirma que “durante a campaña electoral falamos con todos os actores, co resultado de que os veciños e veciñas quéixanse de que a feira xa non cumpre as súas expectativas e os feirantes notan menor afluencia de consumidores, polo que hai postos que xa abandonaron a feira, igual que acontece co Novo Mercado”. Puntualiza ademais que “o preocupante deste asunto é que o Concello está actuando como un convidado de pedra que ve como esmorece a feira sen tomar ningunha iniciativa para mellorar a súa situación, arrastrando dese xeito ao comercio local no seu conxunto”.

O voceiro do grupo socialista critica que “temos dous concelleiros que pola súa área de goberno, deberían estar en contacto neste tema (en referencia a Óscar Durán e Gonzalo Louzao –Promoción económica e Eventos e mercados-), e entre os dous son incapaces de traballar un plan encamiñado a devolverlle a vitalidade á feira”. Os socialistas entenden que é necesario “reunir aos feirantes e atender ás súas demandas, para así mellorar as súas condicións e atraer novos postos que chamen aos consumidores a volver á feira”.

Tamén lle estenden a situación ao Novo Mercado, López Bueno propón “elaborar un estudo comercial, da man de expertos da Dirección Xeral de Comercio, da Zona Franca de Vigo e dos comerciantes que asentados no edificio, e a partir de aí reformular o modelo do Novo Mercado con novos servizos e atractivos que o diferencien das grandes superficies”.

O líder dos socialistas considera “urxente” que se atallen os problemas da feira xa que “é un dos poucos atractivos comerciais que conservamos, e convén mantelo vivo mentres non exista un goberno que leve a cabo accións de maior calado en beneficio do noso tecido comercial”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.