O PSOE LAMENTA QUE O CONCELLO NON APOIE AOS COMERCIANTES NON ASOCIADOS A ACOE

López Bueno defende que a feira se financia con diñeiro do Concello e que a súa proposta contemplaba invitación para todos os comerciantes.

20 de agosto. O PSOE da Estrada denuncia que os comerciantes non asociados a ACOE non recibiron convite para a Feira de Oportunidades que se celebrará esta fin de semana. Luis López Bueno recorda que “a Feira é unha proposta que os socialistas puxemos encima da mesa nas reunións con grupos políticos e coas asociacións de Comerciantes, Empresarios e Hostaleiros feitas para propoñer medidas económicas para combater a crise da Covid-19”. Así mesmo lembra que na recente Mesa de Comercio, celebrada o mes pasado, a representante socialista (Amalia Lago) fixo novamente fincapé na necesidade de abrila a todos os comerciantes, e que o concelleiro de promoción económica reafirmou que así se faría.

O voceiro socialista lamenta que o goberno local “incumpra” os compromisos adquiridos nas reunións que mantivo co resto de forzas políticas e considera que “a crise económica está sendo igual para todos, por iso debería permitírselle a participación na feira a todos os comerciantes, sabendo ademais que o Concello financia gastos de organización deste evento de 3 días.

López Bueno afirma que “o Concello paga directa ou indirectamente os gastos da Feira” e considera “inxusto” que só se beneficien os comerciantes que forman parte de ACOE. Parécelle “totalmente normal” que os asociados leven a cabo iniciativas paralelas á celebración do evento, como as rifas de vales de compra e o reparto de merchandising, pero non ve “lóxico” que o goberno local exclúa a unha parte dos comerciantes.

Unha vez máis o Concello dicide poñerse de perfil e non impulsar, en igualdade de condicións para todos os comerciantes, a saída desta situación económica tan complicada”. O voceiro socialista argumenta que “o goberno local desvirtúa as propostas que buscan apoiar a todos por igual, preferindo descargar a súa responsabilidade de iniciativa e promoción económica da Estrada nos propios comerciantes afectados”.

Para os socialistas non é de recibo que o Alcalde López Campos e os seus concelleiros anuncien plans de recuperación tras a crise do COVID-19 impulsados polo Concello e despois non fagan nada, ou como neste caso só beneficien a algúns escollidos. “Onde están os famosos 4 millóns de euros que dixo o alcalde López Campos que ía poñer a disposición para reactivar a economía da Estrada?, acaso os comerciantes non asociados non tiveron perdas? Ou é que o Concello lles perdoa os impostos cando toca cobrar e por iso agora non os ten en conta?, preguntan retoricamente os socialistas.

Esta entrada fue publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno. Guarda el enlace permanente.