O PSDEG DA ESTRADA APOSTA POLA RECONVERSIÓN DO VELLO CENTRO DE SAÚDE NUN CENTRO INTEGRAL DE ATENCIÓN SOCIAL

Contará cun centro de día e atención temperá, axuda á recuperación para persoas con mobilidade reducida e afectados por ictus, e atención a dispacacitados intelectuais

López Bueno considera “imprescindible” este “punto de apoio” para que os estradenses podan acceder a servizos sociosanitarios que non están contemplados no novo centro de saúde

A Estrada, 2 de maio de 2019.– O PSdeG da Estrada aposta pola reconversión do vello centro de saúde -que quedará baleiro trala inauguración do novo edificio- nun Centro Integral de Atención Social: un espazo de usos múltiples no que ampliar os servizos de atención básicos do ambulatorio.

O alcaldable, Luis López Bueno, considera “imprescindible” este “punto de apoio” para que os estradenses conten con servizos sociosanitarios que non están contemplados no novo centro de saúde, e que este é o “contedor perfecto” para desenvolvelos.

Según o proxecto socialista, este Centro Integral de Atención Social servirá como centro de día -para atender as necesidades específicas da terceira idade- e de atención temperá -para nenos con problemas de desenvolvemento ou risco de padecelos-. Contará tamén con áreas de recuperación para persoas con mobilidade reducida e afectadas polo ictus, e atención a discapacitados intelectuais.

Para levar a cabo este plan é imprescindible acometer unha mellora na accesibilidade do edificio, facendo as modificacións necesarias para a entrada e saída das persoas con mobilidade reducida: poñer rampas de acceso, aumentar o tamaño do ascensor, e habilitar un espazo de aparcamento cuberto cómodo para os vehículos adaptados.

“Trala nosa chegada á alcaldía, para acadar este obxectivo, dende o PSdeG faremos o que o PP non se preocupou de facer aínda: iniciar o expediente para solicitar ó Goberno central o traspaso da titularidade do edificio ó Concello para que os estradenses podan seguir utilizándoo” explica López Bueno.

 

Esta entrada ha sido publicada en alcaldía, Candidatura, eleccións municipais, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , , , , , . Guarda el enlace permanente.