O PSdeG APOSTA POR UN PLAN REALISTA PARA O POLÍGONO DE TOEDO FRONTE AS “PROMESAS VACÍAS” DO PARTIDO POPULAR

Os socialistas comprométense a iniciar de inmediato o expediente para ampliar o solo industrial público, e a mellorar os servizos e dotacións para atraer as empresas, seguindo a orde lóxica

Apostan pola axilización de licencias e a reducción dos trámites burocráticos, e pola posibilidade dun pago fraccionado que facilite a instalacións das empresas que xeren emprego na Estrada

A Estrada, 6 de maio de 2019.- O candidato do PSdeG da Estrada, Luis López Bueno, defende un plan realista para o Polígono de Toedo fronte as “promesas vacías dos populares,”, os cales “non se acordaron nin do polígono nin das empresas da Estrada en 8 anos, non lles deron nin infraestruturas dignas, e veñen agora a vender fume, coma sempre”.

O alcaldable socialista comprométese a iniciar de inmediato o expediente para ampliar o solo industrial público, e a mellorar os servizos e dotacións para atraer as empresas. “Esa é a orde lóxica, en vez comezar a casa polo tellado, como pretende o PP” -recalca.

“Non podemos pretender que as empresas queiran asentarse en Toedo cando non lles ofrecemos nin unhas rúas internas nin un acceso decente. Polo acceso traseiro entran un importante número de proveedores e de traballadores que merecen moito máis que buratos de benvida”.

O PSdeG traballará para facilitar o acceso ó solo industrial en diferentes condicións para diferentes proxectos, apostando pola axilización de licencias e a reducción dos trámites burocráticos, e pola posibilidade dun pago fraccionado que facilite a instalación das empresas que xeren emprego na Estrada.

Esta entrada ha sido publicada en alcaldía, Candidatura, eleccións municipais, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , . Guarda el enlace permanente.