L. BUENO: “MELLORAREMOS A CALIDADE DE VIDA DAS PERSOAS EMPREGANDO AS FERRAMENTAS DA POLÍTICA MUNICIPAL”

“O obxectivo é facer da Estrada un concello modélico na xestión social”

O PSdeG ofrecerá un Punto de Apoio e Orientación a familias en situación de crise, axudas para o coidado de persoas dependentes e aloxamentos de urxencia para vitimas da violencia machista

A Estrada, 13 de maio de 2019.- O Partido Socialista da Estrada leva no seu programa electoral un amplo paquete de medidas encamiñadas a facilitar a conciliación e a igualdade de oportunidades, e a -en palabras do seu alcaldable- “facer da Estrada un concello modélico na xestión social”.

Para que estas medidas cheguen a ser coñecidas por todos os veciños e veciñas, os socialistas presentarán e difundirán un catálogo de servizos e prestacións municipais.

Neste catálogo atoparán persoal de apoio para o coidado de persoas dependentes, un Punto de Apoio e Orientación a familias en situación de crise económica, obradoiros de resolución de conflitos, aloxamentos de urxencia para vítimas da violencia machista, ou un reforzo das actividades do Espazo Concilia, entre outras.

Para axudar ás familias con dificultades, ademáis de brindar apoio dende o concello, o PSdeG colaborará coas iniciativas voluntarias das entidades sociais, apoiando a formación do voluntariado e emprendendo accións de difusión da súa labor. Nesta liña, reforzará o convenio de colaboración con Cáritas e Cruz Vermella A Estrada para abordar situacións de urxencia.

O novo goberno tamén axudará ós pais e nais sen recursos na sua procura activa de emprego, ofrecéndolles un servizo municipal de atención ós menores durante o tempo necesario para enviar currículos, aumentar a súa formación e asistir a entrevistas laborais.

Traballar para acadar unha igualdade efectiva
López Bueno considera imprescindible traballar para acadar unha “igualdade efectiva” na vila, para que o “hai que predicar co exemplo”.

Por este motivo, os socialistas incorporarán a perspectiva de xénero en tódalas políticas municipais, incluíndo claúsulas en favor da igualdade laboral nos pregos de contratación do concello, e esixindo un módulo sobre igualdade en todas as probas teóricas.

“Melloraremos a calidade de vida das persoas empregando as ferramentas da política municipal. Faremos unha acción de goberno baseada no respecto, con conciencia social e garantindo a igualdade de tódalas persoas. O noso compromiso coas causas sociais estará acompañado de políticas que fomenten a convivencia e melloren as relacións sociais dentro de A Estrada” conclúe López Bueno.

Esta entrada ha sido publicada en alcaldía, Candidatura, concelleira, eleccións municipais, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , , , , . Guarda el enlace permanente.