LUIS LÓPEZ BUENO: “SEREMOS UN EXEMPLO DE CONCELLO PREOCUPADO POLOS SEUS MAIORES”

O programa socialista inclúe un amplo apartado de medidas destinado a mellorar a vida dos maiores

“Temos unha ambiciosa axenda en materia de política social que garantirá unha vellez activa e digna, sen que a idade sexa un motivo de discriminación ou de risco de exclusión”

A Estrada, 14 de maio de 2019- O paquete de medidas en materia de política social presentado polo PSdeG da Estrada inclúe un amplo apartado destinado a mellorar a vida dos maiores do municipio.

“Temos unha ambiciosa axenda en materia de política social que garantirá unha vellez activa e digna, sen que a idade sexa un motivo de discriminación ou de risco de exclusión” sinala o alcaldable, Luis López Bueno.

Ademáis de reconverter o actual Centro de Saúde nun Centro Integral de Atención Social, os socialistas desenvolverán un Plan Sociosanitario que coordine aos servizos de saúde e aos servizos sociais municipais, “ofrecendo unha atención completa e multidisciplinar ós nosos maiores”.

De forma paralela á construcción dunha nova residencia de maiores, coa que “aumentaremos as prazas necesarias para axustarse á demanda real no concello”, o PSdeG de A Estrada desenvolverá programas integrais que permitan unha vellez digna no propio domicilio.

Un destes programas terá a finalidade de afrontar os problemas de seguridade deste colectivo, aumentando as roldas de vixilancia nas parroquias máis dispersas e subvencionando o custo dun “botón de emerxencia” que permita alertar das situacións de perigo con tan só pulsar un botón.

O concello socialista desenvolverá tamén actividades para o mantemento da autonomía persoal da poboación máis envellecida, como obradoiros de memoria e proxectos de participación social para a estimulación persoal e a cooperación entre veciñas e veciños das parroquias.

“A nosa política social será exemplo de xestión do envellecemento da poboación, e o concello garantirá que os nosos maiores teñan unha vellez digna. Converteremos os centros e locais locais socioculturais das parroquias en auténticos centros sociais de referencia para toda a poboación da zona, con apoio dos profesionais de servizos sociais” explica López Bueno.

Haberá tamén programas específicos de atención a pacentes crónicos, persoas maiores que viven soas e dependentes. Problemas non referidos estritamente ao eido médico pero que inflúen sobre a saúde.

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura, eleccións municipais, estrada, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , , , , , , . Guarda el enlace permanente.