López Bueno: “Pediremos información para ver que servizos prestarán, porque o financiamento é irrisorio”
A Estrada, 19 de xullo de 2019. O PSOE de A Estrada critica o financiamento da Xunta á Unidade de Atención Temperá. “Esixiremos información para ver que servizos prestarán, porque o financiamento é irrisorio” precisou López Bueno. Nesa liña propuxo exemplos onde se aprezan amplas diferenzas “A Estrada recibirá 544 €, e Concellos máis pequenos como Mos serán financiados con 15.575, ademais de mancomunidades que contan con moita menos poboación como A Gudiña – Rios percibirán 31.224 €”.
O voceiro do PSOE criticou o programa do Partido Popular porque “o apartado de servizos sociais era ridículo en comparación co programa que presentaba o PSOE”, e tamén asegura que “visto o logro desta xestión, entendemos por que o goberno non leva a cabo máis iniciativas sociais”. Tachou de “improvisada” e “raquítica” a solicitude da unidade, “o financiamento vai relacionado ao número de horas solicitadas, logo a explicación é que A Estrada terá unha unidade de atención temperá moi lonxe da demanda real en 2019”.
López Bueno tachou de “nefasta” a xestión de Amalia Goldar, “a consecuencia da improvisación é que o servizo non será suficiente para cubrir a demanda neste ano”. En calquera caso, o socialista asegurou que procurarán colaborar co goberno para que se amplíen os servizos de cara ao 2020, “estaremos a disposición do goberno para solicitarlle melloras á Xunta e que así os veciños e as veciñas poidan gozar dos servizos que merecen”.