O PSOE VALORA A CONTA XERAL DE 2018 “FALAZ” E DI QUE É “UN INTENTO DE ENGANAR AOS VECIÑOS E VECIÑAS”

As cifras que dá o goberno intentan confundir, xa que non son mentira nin son certas” manifestou López Bueno

A Estrada, 6 de agosto de 2019. O PSOE de A Estrada ten por “falaces” as cifras que dá o goberno municipal sobre a conta xeral de 2018. López Bueno manifestou que “as cifras que dá o goberno intentan confundir, xa que non son mentira nin son certas”. “Todo ten a base en que se parte dunha cifra irreal, que é a que marca o orzamento. Cando se elabora o orzamento, o Goberno Municipal coñece perfectamente cantos cartos recibirá de outras administracións, pero non inclúen esas transferencias no orzamento de ingresos”, explicou López Bueno. “O que fan a posteriori é incorporar os fondos que proveñen da Deputación, da Xunta, do Estado e da Unión Europea na conta xeral, aparecendo datos tan espectaculares como que executaron o 128 % do orzamento previsto de ingresos e o 120 % do orzamento previsto de gastos. Non se pode dicir que é mentira, pero non é un dato relevante, son simplemente fogos artificiais”.

O socialista aclarou, “noutras palabras, cando o goberno elabora o orzamento míntelle aos veciños e veciñas cunha previsión de ingresos de 12.800.000 euros, cando sabe que ingresará 22.000.000 de euros. Se a pesar de ingresar 22.000.000 de euros, só executan 15.000.000, xa pasan por riba da súa previsión”, ademais fixo notar que “en calquera departamento financeiro dunha empresa, elaborar un orzamento anual que resulta desviarse un 40 %, é causa de despido inmediato”.

O voceiro socialista tachou de “falaz” a conta xeral. “As cifras reais de execución son dun 70 % do orzamento total”, e indicou que “as partidas que se executan son de gasto improdutivo, mentres que os investimentos quedan nun raquítico 30 %”. “Que os investimentos sexan extraordinariamente baixos favorece que haxa bos resultados económicos, xa que se non hai investimento non hai que pagalo. A cara negativa disto é que os veciños e veciñas non reciben servizos novos, nin teñen mellores instalacións municipais”.

Os socialistas lamentan o inmenso número de reparos de intervención aos pagos que fai o Concello. “Hai que recoñecer a labor do departamento de intervención, ademais de facer o seu traballo deben poñerlle reparos aos pagos do goberno todos os días, entre eles os pagos a avogados para defender ao Concello nas súas múltiples causas xudiciais”, sobre isto tamén lamentou que “fanse pagos con reparo e pérdense sistematicamente todos os xuízos”.

Sobre os remanentes, os socialistas volven a poñer en dúbida a boa xestión económica do actual goberno, “como é evidente, se non hai investimento, hai capacidade de aforro, aínda así existe 1 millón de euros en créditos de dubidoso cobro (que lle hai que restar ao remanente bruto) e a falta dun inventario actualizado favorece a maquillaxe do balance de situación”. Os socialistas propoñen “habilitar o remanente real para destinalo a realizar investimentos, na medida que permite a lei”.

López Bueno tamén tacha de “falaz” a afirmación de “os impostos están conxelados” que manifestou Alberto Blanco na comisión de facenda o pasado martes. “O tipo impositivo está conxelado, é certo, pero con Cristóbal Montoro como Ministro de Facenda levouse a cabo a revisión catastral que aumentou o valor de todas as edificacións, coa consecuencia de que o Concello ingresa máis por impostos dos veciños e veciñas”.

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura y etiquetada como , , , , . Guarda el enlace permanente.