“Algúns veciños trasladáronnos os eu malestar por atopar as portas pechadas cando chegaron coa súa familia ás instalacións” manifestou López Bueno
A Estrada, 3 de xullo de 2021. O PSOE de A Estrada faise eco das queixas de veciños e veciñas da Estrada que querendo acceder as instalacións da praia fluvial de Liñares, dentro do horario de acceso libre fixado polo Concello, se atoparon cos portais pechados e pide explicacións ao alcalde José López.
Os socialistas lembran que A Estrada destina cartos do seu orzamento municipal para que todos os veciños e veciñas poidan facer uso destas instalacións privadas, dentro dun horario fixado e publicado. É máis, tense establecido por valor de 40.000 € un contrato cunha empresa para encargarse da atención aos bañistas neste espazo fluvial e nas piscinas municipais.
“Dende o Concello deben dar explicacións e asumir as responsabilidades desta nova mostra de mala xestión. Non pode ser que os usuarios e usuarias que queren facer uso do seu dereito de desfrute das instalacións, pagado con impostos de todas e todos, se atopen coa porta pechada ao chegar, co conseguinte trastorno que isto ocasiona” manifestou o portavoz socialista Luis López Bueno.
O grupo municipal socialista ten certeza do peche da praia fluvial no que vai de temporada, “dende que o Concello manifestou que se abrían as instalacións ao público (o 15 do mes pasado), e dentro do horario que o Concello marcou no contrato coa empresa adxudicataria e que figura na porta de entrada –remítese fotografía de onte (venres 02 de xullo ás 17.30 h), o acceso resultaba imposible por atoparse os portais pechados con candado, sen ningún tivo de explicación nin aviso”
Pediremos ao Concello o establecemento dun sistema de aviso, en caso de incidencia con respecto á apertura diaria, para evitar que as familias e usuarios que desexen facer uso das instalacións se atopen as portas pechadas novamente. “Sen máis tardar o luns dirixirémonos ao Concello urxindo establecer un sistema de notificación e aviso. As novas tecnoloxías permiten informar debidamente aos veciños e veciñas”.