O líder socialista considera que “o que realmente precisa A Estrada non está nos orzamentos”.
23 de novembro.
O PSOE da Estrada valorou negativamente os orzamentos que a Xunta de Galicia propón para o ano 2022. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Luis López Bueno, entende que o orzamento “esquece por completo as necesidades estratéxicas do Concello da Estrada” e ratifica que “non se pode contar coa Xunta para o que realmente lle importa aos veciños e veciñas”.
López Bueno considera moito máis importante “o que non hai” que as partidas que si aparecen no orzamento. Os socialistas da Estrada presentaron enmendas que xa foron debatidas no Parlamento de Galicia e que remataron sen acordo do PP. Entre esas enmendas figuraba a ampliación do Polígono Industrial de Toedo, traballos de conservación no Centro de Saúde antigo, melloras en viais titularidade da Xunta, sinalización e conservación dos camiños de Santiago e a finalización das parcelarias do Val do Vea II, Arca – Nigoi e Codeseda.
En total representaban máis de 2 millóns de euros en investimentos no Concello.
Ampliación do Polígono Industrial de Toedo
Para o líder socialista é “gravísimo” que a Ampliación do Polígono Industrial de Toedo non conte cunha partida no orzamento da Xunta. López Bueno apunta a que a creación de solo público industrial “debe ser a prioridade número un de calquera goberno deste Concello”. Asegura que “estamos asistindo a un auténtico drama industrial, os emprendedores estradenses están obrigados a asentar fóra da Estrada as súas empresas porque aquí non hai oportunidades economicamente viables”.
Tamén valora negativamente a actitude “cómplice” do alcalde coa Xunta de Galicia. Para López Bueno “o conformismo de López Campos é inaceptable” e considera que “os veciños e veciñas merecen un alcalde que loite polos intereses da Estrada, e máis no ámbito industrial”. Valora que o alcalde tampouco está á altura do reto industrial da Estrada, xa que a única aportación do alcalde neste asunto foi “prometer que a Cidade do Moble sería o Ikea Galego”.
O socialista instou ao alcalde a cambiar de socios á hora de desenvolver o potencial industrial da Estrada. López Bueno ve “esgotada” a vía da Xunta de Galicia e considera que “é a hora de abrirse a entidades como Zona Franca de Vigo e Suelo Empresarial del Atlántico, que si están cumprindo cos Concellos”. Entende que os datos falan por si mesmos, “mentres Zona Franca destinou en 2020 máis de 60 millóns de euros a desenvolvementos de solo industrial na provincia, a Xunta unicamente contempla 1,5 millóns en 2022, que irán para a quinta fase do Lalín 2000”. Sentenciou que “A Estrada non pode agardar nin un minuto máis pola Xunta”.
Nese sentido, apuntou que a situación demográfica e do emprego “evolucionan moi mal”, e tildou de “dramático” o éxodo de poboación entre 25 e 40 anos que está a padecer o Concello. “A xente en idade de traballar está marchando a onde hai traballo, e na Estrada hai pouco”.
Considera “fundamental” o solo industrial público para que as empresas locais teñan menos atrancos para medrar e tamén para atraer investimentos produtivos que xeren emprego “e movemento na economía local”.
AG-59, o conto de nunca acabar
Ademais tamén ve “ridícula” a partida destinada á autovía AG-59 e vaticina que o 2022 será “outro ano de parálise”. López Bueno opina que no ano que entra “non veremos nin un metro máis de asfalto” e xa irán 12 dende que Agustín Hernández anunciara o primeiro proxecto de ampliación.
O líder socialista ve “incomprensible” que a Xunta non entenda que “o futuro da Estrada pasa pola autovía”, e considera que o proxecto recortado que pretende executarse “non será suficiente”. Tamén considera “pouco intelixente” que o alcalde consinta que ano tras ano aparezan partidas orzamentarias para a AG-59 que “non se chegan a executar”.
Outras enmendas
López Bueno admite que este ano a Xunta incorporou ao orzamento algunha das enmendas que veñen presentando os socialistas dende hai anos, como é o caso do Desdobre da Traída do Umia, aínda que lamenta que tiveran que pasar tantos anos para que a presión política e veciñal dera os seus froitos. Tamén critica a actitude de López Campos respecto desta actuación, que prometeu en incontables ocasións.
Outras enmendas presentadas polos socialistas foron as melloras de firme e ancho de vía nas estradas PO-213 e PO-214, que son “dúas das estradas máis perigosas que ten a Xunta en todo Galicia”.
Igualmente solicitaron actuacións de conservación no Centro de Saúde antigo, que precisa “urxentemente” reparacións para non converterse nunha ruína en pleno casco urbano.
Tamén solicitaron a sinalización dos camiños da Geira dos Arrieiros e Miñoto – Ribeiro a cargo do orzamento da Xunta, xa que en ano Xacobeo entenden que debe ser a autonomía quen financie estas actuacións e así “aforrarlle cartos a todos os estradenses”.