CHAPUZA ESCANDALOSA A EXECUCIÓN DAS OBRAS DE ASFALTADO

López Bueno considera “unha chapuza escandalosa” a execución das obras de asfaltado no casco urbano. Instará ao PP a non recibir a obra ata que se repoña a normalidade.
9 de novembro.

O PSOE da Estrada valorou como “unha chapuza escandalosa” as obras de asfaltado que se están a executar no casco urbano. Luis López Bueno indicou que eran obras “absolutamente necesarias” e considerou que o goberno do PP chegou “tardísimo” para sacar adiante o proxecto.
Fixo fincapé en que o Grupo Municipal Socialista lle fixo chegar ao Goberno as reclamacións veciñais en incontables ocasións e que “incluso os veciños tiveron que constituír plataformas veciñais” para presionar a un goberno que “non lles fixo ningún caso durante anos”.
López Bueno ve “inaceptable” a invasión de asfalto que están sufrindo as beirarrúas do casco urbano, e tamén as constantes modificacións que está sufrindo o proxecto de acondicionamento das rúas. Nese sentido manifestou que as consultas feitas polo grupo socialista a distintos profesionais obtiveron respostas de perplexidade. Asegura que diversos expertos quedaron “escandalizados” ante os pasos de peóns que se están executando. “Na vida viron algo igual, incluso me preguntaron se asfaltaron Manolo e Benito”, asegurou con sorna.
Tamén valorou que a situación é “sangrante” en pleno centro do casco urbano. “O asfalto invade as beirarrúas de pedra, é inaudito”. Ademais denunciou que a empresa deixou soterradas no asfalto tapas de pluviais e servizos que antes estaban ao descuberto “sen que ninguén do Concello se preocupe de controlar as obras”.
O voceiro socialista tamén criticou os cambios de proxecto efectuados na rúa Iryda. Confirmou que na Mesa de mobilidade do 19 de novembro de 2020 foi exposto o proxecto de reforma e “as medicións para as prazas en batería xa estaban feitas, e cabían” e non comprende que se modifique o proxecto “a última hora e sen aviso previo a ninguén, nin grupos políticos, nin comerciantes, nin veciños en xeral”.
Ante o despropósito que se está executando no casco urbano, López Bueno esixirá que o Goberno non reciba a obra ata que a empresa repoña a normalidade nas beirarrúas e outros defectos das obras. Ademais deu indicacións de como deberían quedar os pasos de peóns, “iguais ca na rúa Pérez Viondi ou na Consolación (Tabeirós), que foron obras contratadas pola Deputación de Pontevedra”.
Organización pésima
O líder socialista tamén criticou a “pésima” organización das distintas actuacións. López Bueno considera “normal” que existan alteracións na circulación, pero opina que “o PP non soubo escalonar as rúas para causar o menor impacto posible”. Valorou que multitude de veciños e veciñas quedaron pechados nos seus garaxes “sen alternativa para saír” e que a mobilidade nas rúas do centro foi “imposible” pola falta de xestión do PP.
Sinalou que esta circunstancia se debe á “escasísima” preocupación dos concelleiros do PP, que poderían terse interesado pola planificación das diversas actuacións. Tamén observou que non houbo “absolutamente ninguén” que lle dera indicacións á empresa da orde de rúas que se debía seguir.

Esta entrada ha sido publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.