O PSOE RECLAMARÁ PARTIDAS PARA O ACONDICIONAMENTO “DURADEIRO” DOS APARCAMENTOS EN SUPERFICIE NO ORZAMENTO DE 2022

López Bueno considera “impresentable” o estado dos aparcamentos. Insta a PP a mellorar os parkings en vez de “tirar os cartos en pantallas innecesarias”.

14 de decembro. O PSOE da Estrada esixirá que no orzamento do Concello para o ano 2022 se contemplen partidas suficientes para dar unha solución definitiva ao estado “impresentable” da superficie dos aparcamentos do casco urbano.

Luis López Bueno apunta a que o PP debería “negociar de verdade” cos propietarios para atopar unha solución duradeira aos problemas cos buratos que aparecen con frecuencia en varios aparcamentos disuasorios da vila. Considera que os esforzos do grupo de goberno deben ir nese sentido, e indica que “con traballo de verdade seguro que se chega a entendemento”. O líder socialista non ve lóxico que o PP decida “tirar cartos públicos” en pantallas que indiquen a ocupación dos aparcamentos. Afirma que as pantallas que pretende instalar o goberno municipal son “absolutamente innecesarias” e que ademais chocan coa liña urbanística de eliminar elementos que dificulten o paso das persoas. A este respecto indica que “en todas as vilas e cidades se están eliminando ese tipo de sinais, pero na Estrada remamos en sentido contrario ao que se fai en toda Europa”.

De feito, considera que as pantallas poden constituír unha distracción para os condutores e que poderían xerar moitos problemas nese sentido. A situación sería especialmente grave no aparcamento da Casa das Letras, Iryda e Novo Mercado, onde hai pasos de peóns xusto en fronte das entradas.

Ademais referiuse á falta de traballo dos concelleiros do goberno, que aínda non foron capaces de presentar o orzamento municipal para o ano 2022.

López Bueno entende que “xa debería estar aprobado polo pleno ordinario de decembro”, e culpa ao PP de ser incapaz de sacar adiante en tempo e forma as cuestións ordinarias do Concello.

Considera “especialmente grave” que un goberno con maioría absoluta non poida atender a obriga legal como de ter aprobado o orzamento a día 1 de xaneiro. Para o socialista é un fiel reflexo de que “a maioría dos concelleiros do PP só se dedican a cobrar as dedicacións ou as dietas, pero non a traballar polos veciños e
veciñas”.

Esta entrada ha sido publicada en aparcamentos, Luis López Bueno y etiquetada como , , , , . Guarda el enlace permanente.