O PSOE REXISTRA UNHA MOCIÓN PARA QUE A ESTRADA CONTE CUN PUNTO DE ENCONTRO FAMILIAR NO ANO 2022

Luis López Bueno considera que “non ten ningún sentido” que os pais e nais estradenses deban desprazarse a Pontevedra para este servizo.

21 de decembro. O PSOE local rexistrou na tarde de onte unha moción para solicitarlle á Xunta de Galicia a posta en marcha dun Punto de Encontro Familiar no Concello da Estrada. O voceiro socialista, Luis López Bueno, entende que é un servizo “absolutamente necesario” e que “non ten ningún sentido que pais e nais estradenses deban desprazarse a Pontevedra para este servizo”.

O líder socialista entende que A Estrada é un Concello cabeceira de comarca onde a carteira de servizos sociais dos que gozan os veciños e veciñas moi escasa. Tamén valora que o grupo de goberno xa demostrou a súa pouca preocupación por mellorar a cobertura dos escasos programas existentes e por procurar novos servizos. É máis, A Estrada ten cifras de gasto en Servizos Sociais moi por baixo da media autonómica, (160,53 € por veciño en Galicia, 136 na Estrada).

O voceiro tamén remarcou que A Estrada xa vai tarde nesta reclamación á Xunta de Galicia. “Non ten ningunha boa explicación que este servizo unicamente estea operativo nas sete cidades galegas”, indicou. Ademais explicou que se a Xunta realmente quere combater o despoboamento dos Concellos do interior, debe promover servizos públicos de calidade neles. Nese sentido, xustificou a radicación do Punto de Encontro na Estrada para atender a demanda existente na Estrada pero tamén nos concellos limítrofes “que
teñen ao noso concello como referencia”.

Tamén instou ao goberno a “traballar” para subir canto antes esta proposta ao Pleno. “Veremos se o PP ten ganas de traballar ou tardará meses en subir o asunto ao pleno, como adoite facer”. López Bueno considera que “unha proposta coma esta debería ser atendida” e advertiu ao PP de que “votar en contra non é unha opción”.

López Bueno destacou que as únicas iniciativas en servizos sociais postas en marcha durante este mandato proveñen de propostas do Grupo Municipal Socialista. Os mellores exemplos son a gratuidade para segundos fillos e sucesivos na Escola Infantil Municipal e a implantación dun Centro de Atención Temperá, dúas cuestións que o PP tan sequera detectara. O socialista considera que é unha cuestión gravísima, xa que a área de Benestar Social conta cunha Concelleira que percibe nin máis nin menos que 30.000 euros ao
ano para detectar e dirixir este tipo de iniciativas, e apunta que incluso se perderon milleiros de euros de financiamento para estes servizos en expedientes que levou “persoalmente” Amalia Goldar.

A pesar da nefasta xestión do PP o certo é que os veciños e veciñas da Estrada merecen contar cunha oferta de servizos sociais promovidos polo Concello moito máis ampla ca a actual. Ademais, a despreocupación e a incapacidade demostradas polo PP nesta área de goberno provocan que a maioría destes servizos estean prestándose en instalacións pouco axeitadas ás necesidades, como é o edificio do Novo Mercado ou o piso cedido ao Concello na Rúa Benito Vigo.

A falta de espazos para a instalación de novos servizos é un problema a resolver, onde o Grupo Municipal Socialista volveu atinar coa resposta. Cómpre restaurar o vello centro de saúde e habilitalo como un Centro Integral de Atención Social, onde se centralicen nunhas instalacións axeitadas os poucos programas que ofrece o Concello, e outros que se poderían engadir no futuro.

Esta entrada ha sido publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno y etiquetada como , , , . Guarda el enlace permanente.