O líder socialista considera “fundamental” o acceso a servizos de calidade para frear o despoboamento. Ve nos datos de poboación a mostra de que o PP está “paralizado”.
11 de xaneiro. Luis López Bueno valorou os datos de poboación que publicou o INE como “un aviso moi serio ao goberno do PP”. O líder socialista considera que a perda de 90 habitantes no último ano reflexa que o PP está paralizado “neste e noutros asuntos”, e critica a actitude “pasiva” do goberno municipal ante unha crise demográfica que parece non ter fin.
O voceiro socialista recordoulle ao alcalde que “A Estrada está nos peores datos demográficos da historia” e “a un paso de perder a barreira dos 20.000 veciños”. Tamén o advertiu de que perder a categoría como municipio sería gravísimo para o Concello a nivel económico e social.
Considera que o PP é o “único responsable” desta caída sen precedentes, e recorda que nos últimos 10 anos A Estrada perdeu “máis de 1.500 veciños sen que o PP se inmutase”. López Bueno tamén recordou que as únicas medidas do PP ante esta situación foron “a Baby Box e un vídeo”.
O líder socialista ve “preocupante” que os concelleiros do PP sexan “incapaces” de presentar ningunha proposta seria, pero considera máis
grave aínda que o PP vote en contra “de maneira sistemática” en todas as propostas do PSOE que piden facilidades ou mellores servizos para o rural.
“O PP votou en contra da proposta da bonificación do IBI en función dos servizos municipais que gozan os veciños, en contra de levar centros de día ao rural e incluso da creación dun Plan de Mantemento de Infraestruturas para ter unha limpeza viaria e unitarias decentes” indicou.
López Bueno lamentou tamén a falta de traballo dos concelleiros do PP “neste e noutros moitos asuntos”, xa que non se toman medidas específicas para reducir o ritmo da caída demográfica nin tampouco atallan cuestións estratéxicas para A Estrada como son a autovía e o Polígono Industrial.
O líder socialista considera que a solución pasa por cambiar de socios no desenvolvemento industrial, “hai que contar con Zona Franca de Vigo para desenvolver a parte pública de Toedo” e tamén por levar “servizos de calidade ás parroquias, axilizar as licenzas en urbanismo e dar facilidades para a construción de vivenda”.
A pesar de que A Estrada nunca tivo menos veciños que agora, López Bueno considera que se pode reverter a situación “sempre e cando se
tomen medidas dende o Concello”. O socialista advertiu de que “A Estrada sempre foi o Concello máis importante do norte de Pontevedra e debe seguilo sendo, por moito que o PP se empeñe en quedar de brazos cruzados cando veñen mal dadas”.