O líder socialista lamentou a actitude “absolutamente insensible” do alcalde e da Concelleira Amalia Goldar, que foron advertidos “ata en 5 ocasións” do que pasa no banco de alimentos.
1 de decembro. Luis López Bueno critica o funcionamento do banco de alimentos e considera que é “vergoñento” que este servizo muncipal obrigue aos usuarios a “formar cola no portal dun céntrico edificio”. O líder socialista advertiu ata en 5 ocasións á Concelleira de Servizos Sociais para que resolvera o problema “polas boas e sen formar escándalo” pero en vista de que “o PP non fai absolutamente nada” manifestou que “non queda outra que denuncialo publicamente, porque está visto que o PP só traballa cando perde votos”.
López Bueno afirma que o feito de obrigar aos usuarios a agardar turno na rúa “é indecente” e lamenta que os concelleiros do PP demostren unha “preocupante falta de sensibilidade, por dicilo con certa consideración”. O voceiro socialista indicou que “pedimos solucións e o PP actúa como se escoitara chover” e apostou a que “se os dous responsables deste despropósito se atoparan na mesma situación que os usuarios seguro que estarían máis preocupados polo funcionamento do Banco de Alimentos, que é impropio dun goberno que se queira considerar serio”.
Pediulle a López Campos e a Amalia Goldar que a pesar de que a empatía cos veciños e veciñas non sexa o seu forte “fagan un esforciño por poñerse na situación persoal e económica que atravesan os usuarios”, e recoméndalles que “baixen dos seus despachos e fagan cola eles mesmos para imaxinar o difícil que é”.
Este escándalo súmaselle ao feito de que a discreción da que deberían gozar os usuarios non é posible porque o Banco de Alimentos comparte instalacións co Servizo de Atención Temperá, o que xerou “un absoluto escándalo” ao ter que mover os horarios dun e doutro servizo “cando estes xa estaban conformados e comunicados ás familias”.
López Bueno recordou que o PSOE ten unha proposta ao respecto, que pasa por trasladar todos os servizos sociais do Concello ás instalacións do Centro de Saúde da Avenida de Santiago, onde poderían convivir distintos programas de protección social nunhas instalacións “axeitadas e con servizos de calidade”.