O voceiro socialista acusa ao Alcalde de “non facer o seu traballo” e califica de “bochorno” a denegación do alugueiro das instalacións da Fundación de Exposicións.
11 de abril. Luis López Bueno pediralle explicacións ao Concello sobre o caos organizativo do espectáculo “El libro de la selva” que a compañía El circo de los niños pretendía levar adiante na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada.
O propio representante de El circo de los niños acusou ao Concello da Estrada de denegar o permiso o venres á tarde, logo de levar varios días tratando o alugueiro dun espazo na Fundación de Exposicións e ter publicitado e vendidas as entradas para o evento.
López Bueno ve como única explicación razoable que o alcalde, que ten as competencias executivas da Fundación, “simplemente non fixo o seu traballo”.
A solicitude estaba tan avanzada que a propia compañía anunciara xa a Fundación como o espazo que acollería o evento. Aínda así, para sorpresa dos asistentes, ao chegar á Fundación atopáronse cun cartel na porta onde se advertía do traslado do espectáculo ao restaurante Samaná.
O voceiro socialista considera “inadmisible” que a Fundación e o Concello deban asumir este “bochorno” por culpa do seu responsable político, e lamenta profundamente que o alcalde deixara quedar á Estrada “á altura do betún”. Vaticina que isto terá consecuencias para os estradenses porque “o normal é que este caos provoque que outras compañías descarten vir á Estrada”.
Ademais, López Bueno considera “inaceptable” que hai uns meses se organizara un festival con centos de asistentes “sen que o Concello puxera ningunha traba, como debe ser”, pero que agora o PP se “despreocupara” por outro espectáculo con máis de 250 entradas vendidas. O portavoz ve tamén “falta de organización” dentro do grupo de goberno, xa que este “descoido” do PP “non é o primeiro nin será o último”, e considera que este tipo de erros e falta de coordinación “son tónica habitual” do actual grupo de goberno.
López Bueno tamén lamentou que o PP estea máis preocupado de contratar persoal de Wecom (cuxo responsable foi Director de Campaña do PP en varias eleccións municipais) que de facer o traballo que se lle supón a un goberno serio. A este respecto, o socialista indicou que o Alcalde está moito máis preocupado de lavar a imaxe do seu goberno desastroso que de resolver os expedientes que os veciños tramitan no Concello.