López Bueno ve “inexplicables” os malabares do PP para xustificar o seu voto.
29 de abril. Na comisión de urbanismo celebrada o xoves, o PP votou en contra da moción presentada polo Partido Socialista para recuperar o centro de saúde da Avenida de Santiago e darlle uso para acoller os servizos que presta o departamento de Benestar Social.
O voceiro socialista, Luis López Bueno, explicou que a moción prevía 4 acordos “perfectamente asumibles” para todas as forzas políticas: aclarar a situación xurídica dos terreos e do inmoble; que a Administración Xeral do Estado ou o Concello elaboraran un informe sobre o estado actual do inmoble e se executaran as tarefas de conservación oportunas; comprometerse a rehabilitar o edificio e dar uso para prestar os programas que ofrece o departamento de Benestar Social e reforzar a vixilancia da Policía Local no entorno.
López Bueno valorou a postura do PP como “moi difícil de xustificar”. Apuntou que “por moitos malabares que faga o PP, os veciños e veciñas non van entender o voto en contra” e tamén tachou de “esperpénticos” os argumentos ofrecidos polo Concelleiro de Urbanismo para explicar a contra do PP á moción.
Explicou que o PP pediu na comisión que se reformulara a proposta socialista, ao que Bueno respondeu que “o PP non pode pretender que renunciemos a un proxecto que nós temos moi definido e moi claro. Os únicos que non teñen claro que facer con ese edificio son os Concelleiros do PP”.
Gonzalo Louzao intentou xustificarse co argumento de que lle parece precipitado definirlle un uso á instalación antes de ter o edificio no patrimonio do Concello, pero segundo López Bueno “a realidade é que antes de ter o edificio hai que saber para que o queremos” e tamén remarcou que “o acordo non marca prazos, unicamente compromisos para que o edificio chegue a acoller os servizos sociais do Concello”.
Ademais, explicou que o propio PP tiña clarísimo que quería a Casa da Xuventude na Estación de Autobuses antes da reversión do edificio, ou que as pistas de atletismo se farían nos terreos da AGASP tamén antes de telos, polo que “con todo o respecto, o argumento de Gonzalo é ridículo”.
A pesar do voto contrario do PP, López Bueno asegura que se manterán firmes na defensa da súa proposta porque “é o mellor uso posible para as instalacións” e permite “mellorar a asistencia de servizos sociais, ampliar as prazas dos programas e incluso ampliar a carteira de servizos que se prestan”.
Tamén considera que o PP “non se esforza o suficiente” por recuperar o edificio e é que “vai ano e medio dende que se trasladou o Centro de Saúde e o PP atopou documentación hai dous meses grazas a unha intervención do PSOE no turno de rogos e preguntas dun Pleno”.
López Bueno tamén se di “preocupado” pola actitude do PP respecto dos veciños e veciñas do casco urbano. Afirma que “para o PP só existen as 4 rúas do centro, o resto somos suburbios”, e di sentir tristura ante a posibilidade de que o Centro de Saúde se convirta “nun novo Matadoiro Municipal” en pleno casco urbano.
SOBRE A MOCIÓN PRESENTADA POLO BNG (Rede de Calor)
López Bueno considera “inxustificable” que o PP levara a comisión unha moción presentada polo BNG en marzo de 2021, con máis dun ano de atraso. Na súa opinión, o PP demostra que “os seus concelleiros non traballan”.
Ademais tamén valora que a proposta de construír unha Rede de Calor é “un proxecto máis que interesante” e apuntou que a postura do PSOE é “totalmente favorable” porque “nós estamos decididos a levar adiante un proxecto similar”.
Non coincidiu co BNG sobre o financiamento xa que os socialistas elaboraron no seu momento unha proposta para redistribuír os fondos EDUSI cara as parroquias, que “aínda non viron nin un euro dos 6 millóns que ten o Concello”.
Dende o PSOE aportaron posibles instrumentos de financiamento a través do INEGA (Xunta) que xa financiou a Rede de Calor do Concello de Silleda, ou incluso o IDAE (Estado) que ofrece axudas moi cuantiosas para este tipo de proxectos singulares dos Concellos.