López Bueno considera “irresponsable” o pouco coñecemento do Alcalde, de Alberto Blanco de Enrique Prieto. Valora accións penais para que os Concelleiros do PP “paguen os cartos que son de todos e os veciños e veciñas”
16 de outubro. Luis López Bueno valorou a sentenza do TSXG sobre a RPT da Estrada na que revoga a resolución do procedemento de execución que validaba a actuación do PP a respecto da execución da sentenza sobre a propia RPT.
López Bueno díxose “pouco sorprendido” pola condena ao Concello da Estrada sobre o pago dos atrasos aos traballadores e traballadoras porque “foi unha cuestión que lle advertimos ao PP no ano 2021 aínda que eles a ignorasen por completo”.
López Bueno advertiu no Pleno de Xuño do 2021 que o Concello tería que afrontar os atrasos aos traballadores e traballadoras porque o Alcalde, Alberto Blanco e Enrique Prieto “fixeron unha interpretación creativa do primeiro fallo xudicial sobre a RPT”.
O voceiro advertíralle ao PP que “sabían perfectamente que isto sería así” e que tomaron a decisión irresponsable” de “sacar adiante unha nova RPT que non seguía o procedemento marcado por Secretaría e Intervención nin seguía as indicacións das distintas resolucións xudiciais”.
Ademais, o líder socialista manifestaba naquel pleno que “as resolucións xudiciais son clarísimas” e manifestaban que a RPT de 2016 “está en vigor” e que polo tanto “desprega efectos xurídicos sobre a remuneración dos traballadores e traballadoras”.
López Bueno considera que o PP debería cambiar de actitude porque “no pleno de xuño de 2021 dediqueille 35 minutos a explicarlle aos Concelleiros do PP por que non tiñan ningún argumento xurídico para aprobar a RPT tal e como a propoñían” e indicou que como é costume “a liña que defendía o Grupo Municipal Socialista é a correcta” e a que defendía o PP “é a que nos acaba custando centos de milleiros de euros aos veciños e veciñas”.
Asimesmo, López Bueno revelara en 2021 que “López Campos recoñeceu na mesa de negociación cos sindicatos a existencia dos atrasos” e que “o propio alcalde se tivo que desdicir” porque o seu asesoramento en asuntos de persoal “é de tres incompetentes con nome e apelidos: Alberto Blanco (Concelleiro de Facenda e Persoal), Enrique Prieto (Director de Réxime Interna) e Carlos Palmou (avogado)”. É especialmente grave no caso dos dous primeiros, que xa cobraron máis de 600.000 euros do Concello pola responsabilidade sobre o persoal.
López Bueno lamentou que a falta de coñecemento dos membros do PP provoque que neste momento “o Concello lle deba centos de milleiros de euros aos traballadores e traballadoras” e indicou que o PP da Estrada demostra cada día que non teñen nin idea de facer xestión dos recursos públicos.
O líder socialista considera “indecente” que o Concello da Estrada estea gobernado por unha “cuadrilla de incompetentes que levantan a man ao que lles diga o alcalde”, e que ademais lles paguen “decenas de milleiros de euros” aos seus amigos para que defendan ao concello en asuntos xudiciais dos que non teñen “nin absoluta idea” como é o caso de Palmou Cibeira, que foi incapaz de demostrar os fundamentos máis básicos da defensa do Concello segundo recoñece a propia Sentenza do TSXG .
O voceiro socialista anunciou que valora accións penais para que “os concelleiros do PP respondan da débeda na que eles mesmos meteron ao Concello” e indicou que os concelleiros do PP votaron a favor dun acordo susceptible de varios delitos como: accións tendentes a evitar a execución dunha sentenza, prevaricación, malversación e enriquecemento inxusto das administracións.
Neste sentido, López Bueno lamenta que “aínda que foron advertidos catro veces” os Concelleiros do PP fixeran caso dos seus líderes e tamén lamenta que levantaran a man para votar un acordo ilegal “como demostraron os tribunais”. Aínda así, valorou que “por moi inconscientes que sexan, levantar a man no Pleno ten unhas consecuencias que non deben pagar os veciños e veciñas”.
López Bueno tamén manifestou a súa “fonda tristura” polo feito de que o PP deixe “un concello totalmente dividido” e que sexan “absolutamente incapaces” de sacar adiante “o documento fundamental para a xestión de persoal en calquera administración pública”.