O PSOE ADVIRTE DE QUE O 1.050.000€ DA EDUSI NAS PARROQUIAS NON SE EXECUTARÁ

López Bueno valora a iniciativa de vivenda social nas unitarias como “parche”. Propón novas liñas de axuda para o apoio a vítimas de violencia e risco de exclusión social.

2 de novembro. O PSOE considera que a execución dos fondos europeos na Estrada avanza de forma “lenta”. Luis López Bueno indicou tamén o PP non executará os proxectos que se asignaban ás parroquias, recollidos na memoria da EDUSI con partidas de 1.050.000 euros.

Recordou que en xaneiro o PP prometera asignar 1,7 millóns de euros a proxectos, pero a 3 de novembro “unicamente se anunciaron 150.000 para rehabilitar as vivendas de dúas escolas unitarias, e o PP nin sequera sabe cales serán”.

López Bueno considera “moi pobre” o desempeño do goberno municipal na xestión destes fondos. Valora que unha vez rematadas ou encamiñadas as discutidísimas obras faraónicas, o PP quedou sen ningún proxecto transformador para as parroquias. Tampouco ve iniciativas “potentes” no ámbito social, medioambiental, tecnolóxico ou turístico.

O voceiro considera “pouco intelixente” deixar de lado ás parroquias nos investimentos e remite ao PP á súa proposta de reorganización dos fondos edusi, que detallan os investimentos de 1,1 millóns de euros nas parroquias, con proxectos para 4 centros de día nas unitarias e creación de prazas públicas nas parroquias.

López Bueno dise “incrédulo” ante a cantidade de proxectos destinados ás parroquias que o PP “deixou caer” na estratexia edusi. Asegura que “non é de recibo que as melloras do transporte entre as parroquias e o casco urbano queden fóra”, e ao mesmo tempo critica que “os proxectos de turismo quedaran absolutamente esquecidos”.

Así, o líder socialista advirte de que “o PP non ten pensado executar as partidas para o rural” e vaticina que o novo beneficiario dos fondos edusi será a Estación de Autobuses, que aínda non ten novo uso definido e que, segundo o PP, retornará ao patrimonio municipal nos vindeiros meses.

Unitarias como vivenda social

A este respecto, o socialista valorou como “parche” o anuncio do goberno municipal para a creación de vivenda social para persoas en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero. O voceiro considera que “ningún técnico de servizos sociais pode estar de acordo con esta iniciativa porque é unha proposta anticuada e estigmatiza ás persoas que se pretende axudar, todo o mundo saberá quen está vivindo nesas vivendas e por que”.

O líder da oposición ve máis atinadas outras solucións que contribúan a manter a privacidade desas persoas. Nese sentido, a súa aposta pasa pola creación de axudas para arrendamento de vivenda nas parroquias ou na vila “segundo as necesidades de cada caso específico”.

López Bueno tamén ve unha medida “ineficaz” porque existen problemas de mobilidade entre o rural e a vila. Persoas con recursos escasos poderían atopar “atrancos moi severos” á hora de desprazar a súa residencia a unha das escolas unitarias que sexan escollidas.

Ademais diso, o voceiro ve “moi insuficiente” a proposta do PP e asegura que “cubrirá unha parte desprezable da demanda real” deste tipo de vivendas, e opina que a proposta socialista “responde ás necesidades do caso concreto, atendería máis persoas e incluso sería máis sostible a nivel económico”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.