O PSOE PREGUNTARÁ NO PLENO POLA “INEXPLICABLE” DECISIÓN DE ADQUIRIR NOVO MOBILIARIO URBANO

López Bueno ve “indecente” que se substitúa o mobiliario actual, que está en perfecto estado e que foi instalado no 2019, por máis de 260.000 euros.

31 de maio. O PSOE preguntará no pleno cales son os motivos polos que o PP cambiará o mobiliario urbano das rúas Justo Martínez, Calvo Sotelo e Serafín Pazo e as Prazas do Concello e da Farola. En concreto, 30 bancos, 25 xardineiras e 23 papeleiras custarán 260.000 euros de todos os veciños e  veciñas.

O voceiro socialista, Luis López Bueno, ve “inexplicable” que o PP decidira substituír un mobiliario que está “en perfecto estado de revista” e que foi instalado hai menos de tres anos. Indica que o único problema co mobiliario é a falta de limpeza e pon o exemplo dos bancos de pedra da rúa Calvo Sotelo.

Ademais, o líder socialista ve “indecente” gastar 260.000 euros en cambiar bancos e papeleiras “en perfecto estado” e máis dentro da situación económica que padecen os veciños e veciñas. López Bueno ve outras prioridades e aféalle ao PP que se negara a atender as propostas socialistas para aumentar 200.000 euros os investimentos nas parroquias, destinar arredor de 250.000 euros a  ampliar a rede de fibra óptica no rural a través da Estrada Dixital ou  solicitarlle á Xunta de Galicia o servizo de Punto de Encontro Familiar.

Tamén considera que o orzamento para esta renovación está “dopado”, xa que están orzamentados bancos de 7.000 a 10.000 euros a unidade. “É un absoluto disparate ademais de innecesario” sentenciou. Igualmente, considera que o  orzamento é “desproporcionado”, xa que no 2019 máis bancos e o dobre de papeleiras e xardineiras custaron 41.000 euros.

López Bueno opina que o PP queda “totalmente desacreditado” para negarlle nada a calquera veciño porque “os cartos sobran, este é o mellor exemplo”. O socialista convida aos veciños e veciñas a que “cada vez que o Concello non atenda unha petición, recorden que os cartos están malgastándose en desfacer o que xa estaba feito, en mercar baños intelixentes de 71.000 euros ou  cargadores solares de 3.700 euros que non utiliza ninguén”.

Ademais diso, López Bueno dise “preocupado” polo destino dun mobiliario actual que “cumpre perfectamente a súa función” e só espera que “non o acopien na Fundación de Exposicións”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.