LÓPEZ BUENO VE NA CAMPAÑA DE EMPADROAMENTO UNHA MEDIDA “DESESPERADA” E ADVIRTE DE QUE SE TIÑA QUE FACER “CANDO O PROPUXEMOS DENDE O PSOE NO 2020”

Ve “necesaria” a iniciativa pero recórdalle ao PP que nos últimos 11
anos “non fixeron absolutamente nada” e que a perda de 1.500
veciños “fala por si mesma”.

15 de novembro. Luis López Bueno valorou como “necesaria pero insuficiente” a iniciativa de levar adiante unha campaña de empadroamento no Concello da Estrada. Indicou que a campaña fora proposta polo Grupo Municipal Socialista coa propia creación da Comisión de Reto Demográfico no ano 2020 e que daquela “o PP respondía que non existía xente vivindo na  Estrada que non estivera empadroada” o que, dito sexa de paso “quedou desmentido durante os meses de pandemia”.

O líder socialista sinalou que “ademais da campaña hai que atender as cuestións estratéxicas que debe afrontar A Estrada, como a autovía, ampliación do Polígono industrial, servizos no rural e facilidades para rehabilitación e construción de vivenda”. Manifestou que a campaña, por si soa, “é pan para hoxe e fame para mañá, serve para salvar unha situación límite pero non vai a ser unha receita milagre”.

Valorou como “totalmente inexistente” a acción do PP a respecto da crise demográfica durante os últimos 11 anos. Indicou que o que é medible non é opinable e puxo os datos sobre a mesa: 1.500 veciños menos de 2011 a 2022.  Destacou que “se é que o PP fixo algo, dende logo non o fixo para ben” e  afeoulle aos Concelleiros populares que estiveran “moito máis preocupados  das súas sillas e de meterse o dedo no ollo uns a outros que dos problemas estratéxicos da Estrada”.

O voceiro subliñou que o PP mantén “exactamente o mesmo discurso” que o día da constitución da Comisión de Reto Demográfico, o que demostra que a súa preocupación pola perda dos 20.000 habitantes é “meramente electoral” e non agarda “ningunha iniciativa presentable” do PP, se non “ocorrencias”  como construír un edificio ou medidas “cosméticas” como a Baby Box.

López Bueno aboga por atallar a crise demográfica “abordando dunha vez os problemas de desenvolvemento que ten A Estrada”, e recordou os eixos da  política que pretende facer, que tamén trasladou no debate da campaña de empadroamento:

INDUSTRIA

O PSOE considera “inviable” agardar máis pola Xunta de Galicia. López Bueno dise “convencido” de que a folla de ruta para ampliar o Polígono Industrial de  Toedo pasa por Zona Franca de Vigo e Suelo Empresarial del Atlántico. Manifestou que o único camiño para conseguir unha ampliación suficiente que xere emprego e riqueza é que estas entidades que dependen do Estado  “comprometan o financiamento. “Despois xa sacaremos adiante o procedemento administrativo e urbanístico”, apuntou. Destacou o feito de que  “Cuntis vai ter 325.000 metros de ampliación do seu Polígono seguindo o mesmo plan que propoñemos nós”.

AUTOVÍA

Considera “fundamental” a conexión con Compostela para a industria, para o  comercio e para fixar poboación no Concello. Indicou que A Estrada leva 15 anos agardando por esa infraestrutura e opina que “xa é hora de que un goberno da Estrada lle esixa á Xunta que cumpra cos seus deberes”.

VIVENDA

López Bueno considera que é “vital” facilitar a rehabilitación e construción de vivenda na Estrada. “Os veciños e veciñas das parroquias saben perfectamente a odisea que é construír na Estrada” indicou. Ademais o PSOE aposta por potenciar a rehabilitación de vivenda para introducir no mercado inmobiliario as máis de 2.500 vivendas baleiras que hai no Concello. O portavoz advirte de que “converter ao Concello nunha promotora de vivenda non é a solución porque se gastarán arredor de 4 millóns de euros en construír 30 vivendas que non van resolver ningún problema”.

SERVIZOS NAS PARROQUIAS

As traídas municipais e o saneamento brillan pola súa ausencia no rural da Estrada. Agora bótase en falta o traballo que non se fixo nos últimos 40 anos, está “todo por facer”. López Bueno aposta por comezar a construír esas infraestruturas para non ter “parroquias do terceiro mundo” e considera “imprescindible” estender a conexión de internet de alta velocidade a todos os núcleos de poboación do Concello. O Estado e a Unión Europea poñen a disposición dos Concellos e Operadoras de telefonía financiamento para esta fin, e o líder socialista aposta por traballar con A Estrada Dixital para conseguir chegar a lugares onde as operadoras “nin chegan nin chegarán”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.