LÓPEZ BUENO CONSIDERA“OBSCENO” GASTAR 160.000€ NO SISTEMA DE SMARTPARKING

Valora que o proxecto é “outra ocorrencia” do PP. Remarca que “non o pediu ninguén”. Recoméndalle ao PP utilizar eses cartos para adecentar os aparcamentos.

28 de setembro. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Luis López Bueno, criticou onte o sistema de SmartParking que o PP da Estrada pretende implantar nos aparcamentos disuasorios da vila.

López Bueno considera que é “obsceno” destinar 160.000 euros “de todos e de todas” a financiar unha “ocorrencia” dos concelleiros do PP, e remarcou que é unha actuación “que non pediu absolutamente ninguén porque non resolve ningún problema”.

O líder socialista recordou a opinión do Grupo Municipal Socialista a este respecto, que vai na liña de destinar eses fondos a adecentar uns aparcamentos que “deixan moito que desexar”.

López Bueno explicou que o sistema conta as entradas e saídas dos aparcamentos, e que calcula o número de prazas dispoñibles en función do aforo do aparcamento. Para o socialista “ese sistema intelixente non vai a funcionar” porque “ademais de ser pouco útil, as prazas de aparcamento están e estarán sen pintar en algún aparcamento, e ademais non se contemplan no proxecto técnico todas as entradas e saídas que existen”.

A ese respecto, indicou que “non se contempla como entrada e saída a parte posterior do aparcamento do Teatro, nin a entrada de Correos e da Rúa Forcarei cara o aparcamento do Novo Mercado”, polo que “as contas que faga o sistema estarán erradas todos os días”.

López Bueno tamén indicou que esta actuación vai a contracorrente das recomendacións dos técnicos sobre o modelo urbano actual, que procura eliminar os elementos que dificultan o paso das persoas. “A Estrada rema en contra do mundo invadindo as beirarrúas con pantallas que terán información inútil”.

O voceiro tamén criticou que se destinen fondos EDUSI a esta actuación mentres non se executou “nin un só euro para ningún dos investimentos previstos para as parroquias”. Indicou que lle “doe moito” ver como o PP se nega unha e outra vez a levar adiante “proxectos para as parroquias que están contemplados na memoria que aprobou Europa” como é a proposta socialista de acondicionar determinadas Escolas Unitarias como Centros de Día a escala, mentres si executa “ocorrencias coma o Smartparking”.

López Bueno únelle esta actuación á lista de despropósitos financiados con cartos públicos durante este mandato, como son (por exemplo) o firme da praza da Feira (824.000 euros), o Baño Intelixente dos xardíns municipais (71.000 euros), ou a renovación dos bancos do centro da vila por outros de 10.000 euros a unidade.

Recoméndalle ao PP “que baixe dos despachos da alcaldía e pisen a rúa” para escoitar “os problemas de verdade” que teñen os veciños e veciñas.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.