LÓPEZ BUENO APOSTA POR CREAR UN PARQUE DE VIVENDA MUNICIPAL APROVEITANDO EDIFICIOS E VIVENDAS BALEIRAS

O voceiro socialista ve “precipitado” construír vivenda municipal nova. Considera que o alcalde é “pouco coherente” pasando de criticar a vivenda municipal a propoñer a súa construción.

15 de marzo. Luis López Bueno valorou a intención do goberno municipal de construír vivenda pública municipal como “precipitado” e considera moito máis operativo e barato destinar os fondos europeos que canaliza o Instituto Galego de Vivenda e Solo para “poñer no mercado o inmenso parque de vivenda que temos nas parroquias e rehabilitar os edificios baleiros xa construídos no casco urbano”.

López Bueno coincide na necesidade de aumentar a oferta de vivenda dispoñible para moderar os prezos de venda e as rendas de alugueiro, pero valora que construír vivenda municipal nova “é comezar a casa polo tellado”.

Non ve unha estratexia ben pensada na proposta utilizar recursos municipais en construír nova vivenda no casco urbano. Considera que “a construción de nova vivenda protexida correspóndelle directamente ao IGVS, sen que os veciños e veciñas teñamos que poñer nin un só euro do noso peto” e ademais valora que o actual parque de vivenda baleira “é máis que suficiente” para atender a demanda. Polo tanto, entende que o necesario é poñer esas vivendas no mercado inmobiliario utilizando os fondos europeos, e así “darlle vida ás parroquias e á vila”.

Ao mesmo tempo, ve “vergoñento” que a a Xunta pasara de construír máis de 3.500 vivendas ao ano en 2007 a tan só 300 no 2021. Pensa que a mellor maneira de defender os intereses dos veciños e veciñas é conseguir a inversión directa do IGVS e que a Xunta volva ao nivel de construción de 2007-2010.

Nese sentido, considera que o alcalde tivo que retractarse das súas declaracións no pleno ordinario de febreiro, onde criticou “con toda a vehemencia” a construción dun parque de vivenda municipal. Manifestou que o alcalde tivo que asumir que “as nosas propostas eran acertadas hai tres anos e agora tamén”. López Bueno ve “poucos principios” en López Campos, aseverou que lle parece lexítimo defender unha postura política, pero que non parece razoable que unha enquisa do PP “cambie radicalmente a postura dun político. A coherencia debe ser indiscutible”.

Aínda así, o portavoz socialista ve en aumentar o parque de vivenda unha medida insuficiente se non vén acompañada doutras actuacións que fagan A Estrada atractiva para vivir. Nese sentido aposta por “non esperar á Xunta nin un minuto máis” e chegar a acordos con Zona Franca de Vigo e Suelo Empresarial del Atlántico para investir recursos no Polígono Industrial de Toedo. “É a única maneira de xerar emprego e atallar a crise demográfica, se hai traballo hai veciños” asegura. Ademais valora que “Zona Franca investiu 60 millóns de euros na Provincia de Pontevedra para desenvolvementos industriais e o alcalde nin sequera chamou a esta entidade”.

Tamén chama a que a Xunta decida iniciar a ampliación da AG-59 “dunha vez”. Agarda que o relevo de Feijóo como presidente da Xunta “desencalle” ese proxecto que leva anos figurando no orzamento “sen que se execute nin un só euro” pola falta de compromiso da presidencia.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.