O voceiro socialista indicou que “a rúa estaba en perfectas condicións” e tildou a actuación como “enterrar os cartos en refacer o que estaba feito”.
1 de febreiro. O PSOE da Estrada valorou o inicio das obras nas rúas Calvo Sotelo e Ulla considerando a actuación como perfectamente prescindible. En palabras do voceiro socialista, Luis López Bueno, “é inxustificable que o PP gaste 400.000 euros nunha rúa que estaba en perfectas condicións” e valorou que “eses cartos estarían mellor empregados noutras actuacións”.
Para o líder da oposición, o gasto non ten explicación posible xa que a peatonalización das rúas “xa estaba aplicada” e indicou que sería máis que suficiente unha actuación moito máis modesta para adaptar a rúa á nova regulación do tráfico.
Para o voceiro socialista era evidente que “ninguén estaba a utilizar o carril central porque as beirarúas son amplísimas” e vaticinou que “iso non vai a cambiar por moitos adoquíns que se instalen”.
López Bueno manifestou que a súa postura non mudou “nin un centímetro” sobre esta actuación, e que entende o espíritu da peatonalización pero non comparte en absoluto “enterrar os cartos en refacer o que xa estaba feito”. Manifestou que o importe destinado a este investimento podería financiar perfectamente a nova urbanización prevista no entorno da Avenida de América en vez de recorrer a máis débeda pública para levar adiante ese proxecto.
Ademais diso, quixo manifestarse sobre as novas normas de tráfico que regularán o tránsito de vehículos. Indicou que abrir a rúa á carga e descarga “ten todo o sentido” pero considera que sería intelixente regular os horarios como xa acontece en algúns lugares como na Zona Vella de Santiago de Compostela. Considera que “habería que negociar esta posibilidade cos comerciantes” pero ve posible o entendemento.
Tamén valora que impedir a circulación dende o cruce de Justo Martínez e Calvo Sotelo provocará que “circular pola vila sexa moito máis incómodo” e espera que ese impacto non supoña “expulsar do centro da vila aos veciños e veciñas das parroquias”. Incluso manifestou a súa preocupación pola instalación de novas áreas comerciais como Mercadona e o Lidl, que terán accesos moito máis cómodos para os veciños que deban utilizar o seu vehículo. Considera que Lidl, Froiz, Dia e Eroski non constrúen aparcamentos nas súas instalacións porque lles parezan bonitos e que Mercadona non pediu acceso directo dende a N-640 por capricho, se non porque saben que “ter aparcamento e accesos fáciles é vital para que os clientes acudan”.
Nese sentido, comparte a estratexia de ampliar os aparcamentos disuasorios no entorno do casco urbano pero advirte de que “non serve de nada ter 1.000 prazas de aparcamento se os veciños non as ven cómodas” e instou ao PP a “ofrecer solucións”.
APARCAMENTO PARA CAMIÓNS
Ao abeiro das últimas obras acometidas na N-640 e na Rúa 25 de Xullo, López Bueno recordou que “os transportistas da Estrada quedaron sen emprazamentos cómodos para aparcar” e instará ao PP a desenvolver a proposta socialista (de febreiro do ano 2020) onde xa se adiantaron á aparición deste problema. Os socialistas propoñían xa daquela crear un aparcamento público para vehículos de grande tonelaxe, remolques e semirremolques. López Bueno indicou que a proposta “foi incluída no Plan de Mobilidade Urbana Sostible” e é susceptible de acceder a financiamento dos Fondos EDUSI.