LÓPEZ BUENO DENUNCIA O MAL ESTADO DO CASCO URBANO E PÍDELLE AO PP “QUE POLO MENOS TRABALLEN NO MÁIS BÁSICO”

O líder socialista lamentou a falta de limpeza da vila. Considera que “é o reflexo do goberno que temos”

13 de decembro. Luis López Bueno valorou o mal estado de conservación das instalacións municipais no casco urbano e lamentou que o dende o goberno municipal do PP non se tomara “ningún tipo de medida” para resolver unha situación que os socialistas levan meses denunciando. Manifestou que “desgraciadamente a imaxe da vila é un reflexo do goberno que temos”.

O voceiro socialista indicou que o PP é “incapaz de ter unha vila presentable” e culpa á falta de dedicación dos concelleiros do PP, aos que lles pediu que “polo menos traballen nas tarefas máis básicas da xestión dun Concello”.

No centro do casco urbano, denunciou o “vergonzoso” estado de limpeza dos
xardíns municipais e recordou que é un asunto que se levou ao Pleno “demasiadas veces”. Opina que é unha cuestión “sinxelísima de resolver” e que o ademais é “moi importante para a seguridade e a saúde” dos rapaces e rapazas que utilizan as zonas de xogo.

Tamén lle afeou ao goberno que gastara 824.000 euros na remodelación da Praza da Feira -que saíu “rematadamente mal por moito que a queira defender o PP”- e opinou que é “inadmisible” que ningún dos 12 concelleiros do PP se acordaran de que os xardíns había que mantelos. O socialista destacou que “tan mal estaban os xardíns de auga que a única solución que se atopou foi arrancar practicamente todo”.

Outra das demandas do PSOE é a de mellorar a atención que lle presta o Concello ás zonas da Avenida de Pontevedra e Avenida de Santiago. O líder socialista indicou que alí “non existen os parques infantís nin os zonas verdes, e que “se existen están inzados de maleza”. Convidou ao PP a “sacarse fotos agora na urbanización do Mercadona, non dentro do supermercado”.

Dende o PSOE tamén denunciaron o “perigosísimo” estado das escaleiras instaladas na Avenida de Pontevedra para as rutas circulares habilitadas en 2021 con 70.000 euros da Deputación de Pontevedra. López Bueno lamentou que o tempo lles dera a razón e que finalmente esas escaleiras “sexan un risco para calquera que as pretenda utilizar”. Ademais criticaron que o mantemento das rutas sexa “nulo” e que polo tanto estean “repletas de lixo e impracticables”.

López Bueno ve preocupante a actitude do PP, que non pretende mellorar a mala imaxe do casco urbano. Indicou que o goberno se retratou el soíño cando votou en contra da proposta socialista de elaborar un Plan de Mantemento de Infraestruturas Municipais. Ese plan pretendía “elaborar un calendario de tarefas para a limpeza de parques, escolas, desbroces nas parroquias e mantemento ordinario dos edificios municipais” resolvendo así  “os problemas que podemos ver todos con dar un simple paseo pola vila” e manifestou que “nos Concellos cun goberno normaliño, estas cousas fanse por sistema sen que as teña que pedir ninguén”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.