LÓPEZ BUENO VE A LÓPEZ CAMPOS “NINGUNEADO” POLA XUNTA DE GALICIA

Indicou que é “embarazoso” ver como Rueda “deixa plantado” ao alcalde a respecto da reunión oficial que este anunciara para o mes de setembro. O líder socialista valora que “alguén debe pedirlle explicacións ao PP”.

24 de outubro. Luis López Bueno considera que o alcalde da Estrada está sendo “ninguneado” pola Xunta de Galicia unha vez máis. O líder socialista ve “embarazoso” que o propio alcalde anunciara unha xuntanza co Presidente da Xunta para o mes de setembro e que Rueda “deixe plantado” a López Campos.

O voceiro subliña que “a Xunta ten pendentes investimentos estratéxicos na Estrada” e entende que “o noso futuro depende da vontade política da Xunta”, lamentando que “non parece que A Estrada estea entre as prioridades de Rueda agora mesmo”.

Opina que este plantón “non é unha boa nova para os veciños e veciñas” e demostra que “a renovación no PP non lle veu ben nin ao alcalde nin á Estrada”. A súa tese vese validada polo “escaso” peso do Concello no orzamento da Xunta para 2023, no que as partidas contempladas para a capital de Tabeirós son “menos da metade das que recibirá Lalín, por exemplo” e advertiu de que “xa veremos se as partidas da Estrada se acaban executando”.

López Bueno valora como “gravísimo” o feito de que Alfonso Rueda só viñera á Estrada a “escanciar dous culíns de Sidra e ver un anaco do Curro da Rapa das Bestas” e anunciou que pedirá “con toda a contundencia” que o Presidente veña á Estrada a “traballar e pechar compromisos serios” en vez de “vir á festa”.

Ademais remarcou a importancia dos asuntos que se deben tratar nesa xuntanza, da que o PSOE da Estrada espera cando menos “un horizonte temporal claro para a autovía a Santiago de Compostela e un compromiso sobre o financiamento da ampliación do Polígono de Toedo”, ademais de pedir outras cuestións como a reforma da Lei do Solo para facilitar o despregue de fibra óptica no rural. López Bueno ve “fundamentais” para o futuro da Estrada estas tres cuestións e considera que se deben tratar coa Xunta de Galicia “sen demora”.

O socialista recorda que “non é a primeira vez que a Xunta desautoriza ao alcalde”, e pon como exemplos o aluguer á Consellería de Educación do pavillón número 3 da Fundación de Exposicións e Congresos que o alcalde dicía “intocable” tres días antes de anunciarse o arrendamento, ou o feito de que o alcalde “intente dicir que A Estrada é a capital galega das emerxencias” mentres a Xunta retirou a Formación Profesional de Emerxencias que se impartía na Estrada.

Ante este panorama, o líder socialista considera que “alguén debe pedirlle explicacións ao PP” sobre a “humillación” e o “ninguneo” ao alcalde e aos veciños e veciñas da Estrada.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.