LÓPEZ BUENO CRITICA Á XUNTA POR ELIMINAR A BONIFICACIÓN DO CANON DE SOGAMA E APOSTA POR MANTER O PREZO DOS RECIBOS EN 2023

Opina que o servizo que presta o Concello é “insuficiente” e que polo tanto “é unha obriga moral manter a bonificación”. Indicou que “se o PP fixera caso das nosas propostas e instalara o quinto contenedor e os composteiros comúns no casco urbano, teriamos aforrado centos de milleiros de euros no Canon”

2 de novembro. Luis López Bueno considera “inxusto” que a Xunta de Galicia e Sogama eliminen a bonificación do 10 % no Canon que os Concellos galegos lle pagan a Sogama polo tratamento dos residuos.

O líder socialista indicou que “a rebaixa do canon vai ligada a unha serie de obxectivos de reciclaxe que os Concellos debemos cumprir” e parécelle “pouco serio” que a Xunta utilice “excusas de mal pagador” para retirar ese incentivo á reciclaxe. Apuntou que “unha vez tomada a medida, non é de recibo que se retire tan pouco tempo despois”.

O voceiro aposta agora porque o Concello “faga un pequeno esforzo económico” e manteña os recibos bonificados xa que “existe marxe económica para facelo”. Opina que é unha “obriga moral” manter a redución acordada en 2019 porque “todos podemos ver que o servizo é claramente insuficiente, sobre todo nas parroquias”. Tamén valora que “os veciños e veciñas non deben pagar a pouca consistencia do criterio político da Xunta”.

López Bueno afeoulle ao PP da Estrada que leve case catro anos facendo caso omiso das propostas do Grupo Municipal Socialista en relación coa instalación do quinto contenedor e a utilización de composteiros comúns no casco urbano. Asegurou que ademais de estar incumprindo unha obriga legal “se o PP nos fixera caso teriamos aforrado centos de milleiros de euros no Canon que se lle paga a Sogama, porque se enviarían moitas menos toneladas”.

De igual maneira, tamén considera “vergoñento” que o PP fora incapaz de sacar un novo contrato do lixo para que se produzan “melloras de verdade» no servizo de recollida (sobre todo nas frecuencias e no mantemento dos contenedores), e dubida de que o actual goberno sexa quen de sacar este contrato no curto prazo.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.