LÓPEZ BUENO ADVIRTE DE QUE O PP RECORRERÁ A SENTENZA DA RPT PARA SALVARSE DE PAGAR OS ATRASOS ANTES DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

O líder socialista estima que a débeda “xa supera amplamente os 1,5 millóns de euros” e que en caso de recurso “a conta seguirá aumentando”. Agarda “racionalidade” pero ve “moi probable” que o PP presenteun recurso  “condenado á inadmisión” para “salvarse de pagar” ata  despois das eleccións municipais.

7 de novembro. A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que condena ao Concello da Estrada a pagarlle os atrasos máis os xuros ao persoal dende 2016 segue xerando ríos de tinta.

Moi lonxe do que afirmaba o PP -que hai escasos meses dicía que os tribunais lle daban todo por ben feito-, as sentenzas continúan dobrándolle o brazo a López Campos, Alberto Blanco e Enrique Prieto. A sentenza do TSXG condena ao Concello a pagar os atrasos porque no PP decidiron non escoitar ao Grupo Municipal Socialista e fixeron unha interpretación moi creativa das distintas sentenzas que foron recaendo no “via crucis” xudicial da RPT.

López Bueno considera “un escándalo sen precedentes” que o PP lle deba “máis de 1,5 millóns de euros” ao persoal, e pídelle aos veciños e veciñas que se poñan na situación dos traballadores: “que cada un imaxine que é dos traballadores peor pagados de Galicia no seu sector e que esa situación se mantivera durante 25 anos”, e manifestou que “dende logo, a min non me faría ningunha gracia que o meu xefe mareara a perdiz cando hai varias resolucións xudiciais que lle obrigan a pagar o que debe”.

Á vista dos nefastos resultados, López Bueno advirte ao PP de que presentar recurso de casación sobre a sentenza “unicamente seguirá disparando a débeda do Concello cos traballadores” e “traería máis decenas de milleiros de euros dilapidadas en gastos de avogados que ata agora perderon todos os preitos”.

López Bueno considera que o recurso estaría “condenado á inadmisión” porque a sentenza demostra que o PP “fixo caso omiso das advertencias que lle fixemos dende o PSOE” e ademais cometeron un erro imperdoable ao non ter en conta a posibilidade de que as sentenzas lle recoñeceran os atrasos ao persoal.

O socialista pídelle ao PP “criterio técnico e racionalidade”, pero ve “máis que probable” que o alcalde “siga remando cara un barranco”, manifestou que “a mesma defensa que ata agora perdeu sempre recomendará recorrer a sentenza do TSXG dando todas as voltas posibles” e finalmente o Concello presentará o recurso como medida política para “salvarse de pagar antes das eleccións municipais”.

Lonxe da propia sentenza da RPT, o voceiro socialista pregúntase que pasará agora cos compromisos que adquirira o alcalde na RPT “que eles mesmos aprobaron”. En particular, entende que ademais de dar explicacións sobre os atrasos, o alcalde debe aclararlle aos traballadores que pasará coas subas pactadas no complemento específico, o paso de auxiliares a administrativos e as subas salariais acordadas polo Estado e a Xunta.

Ademais, López Bueno tamén criticou que o alcalde non tome ningunha medida respecto do Concelleiro de Persoal e do Director de Réxime Interna. Parécelle “lamentable” que o alcalde estea tan atado por estes dous cargos políticos que “poidan empeñar ao Concello en millón e medio de euros sen que pase absolutamente nada”. Asimesmo, explicou que a “nefasta xestión do PP” provocará que a débeda total do Concello sexa de 10 millóns de euros a final de 2022, o que deixa “hipotecada” á corporación que goberne a partir de xuño de 2023.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.