O voceiro socialista ve “insuficiente” a proposta do goberno de ampliar 6 prazas. Recórdalle a Amalia Goldar que o PP votou en contra de habilitar novas instalacións no Centro de Saúde antigo.
López Bueno destaca que “se o servizo estivera tamén nas parroquias como nós mesmos propuxemos, habería moita máis demanda”.
30 de agosto. O PSOE da Estrada esixiulle ao PP local “ambición” na proposta de ampliación de prazas do Centro de Día que xestiona AGADEA. Para o voceiro do Grupo Municipal socialista, a proposta do goberno de ampliar 6 prazas é “ridícula” e por iso pide “un proxecto serio” en vez dun “parche temporal que non resolverá o problema”. Indicou que o Grupo Municipal Socialista leva meses advertindo a falta de prazas e outros problemas que presenta o acceso ao servizo.
O líder socialista asegura que “a demanda real do Centro de día é moito maior da que pensa Amalia Goldar”, e indica que “non hai máis prazas cubertas porque os prezos son desorbitados e porque as instalacións só están no Casco Urbano e non se levaron ás parroquias”.
Recordou a este respecto a proposta socialista de habilitar no Centro de Saúde da Avenida de Santiago un Centro Integral de Atención Social que acolla toda a carteira de Servizos Sociais do Concello e permita ter espazo suficiente para ampliar a cobertura dos servizos e poñer en marcha outros novos.
Ademais diso, o PSOE propuxo iniciar un programa de acondicionamento de diversas escolas unitarias para crear centros de día a pequena escala “que é un proxecto que estaba programado para os fondos EDUSI e que o PP non quixo executar”, afirma López Bueno.
Tamén considera necesario “reducir substancialmente” o prezo que deben afrontar os usuarios, e por iso a súa aposta é “incrementar o financiamento público” para que as prazas sexan “asumibles” para os veciños e veciñas. A ese respecto recordoulle ao PP que “tan só neste ano, houbo 3 millóns de euros que non foron capaces de gastar” e que ademais “asumiron 4,5 millóns de euros máis de débeda neste ano”, e indicou que “non é un problema económico, é un problema de vontade política”.
O voceiro tamén lle recordou a Amalia Goldar que o PP “votou en contra de crear o Centro Integral, votou en contra de solicitar un Punto de Encontro Familiar, e non fan o suficiente para reducir as listas de espera no Servizo de Axuda no Fogar” e que polo tanto “están totalmente desautorizados para falar seriamente de Políticas Sociais”.
Fóra da escaseza de prazas dispoñibles, López Bueno tamén ve fundamental a creación dun servizo de transporte baixo demanda ou liñas de bus internas para facilitar o acceso ao Centro de día da vila e aos que se levarían adiante nas parroquias cun goberno socialista. Consideráo “básico” para que os veciños e veciñas que residen nas parroquias teñan autonomía para desprazarse ata os lugares onde se presten e que favoreza a “independencia” das persoas que viven soas.
A modo de exemplo, citou concellos que contan con servizos de transporte que vertebran o territorio e comunican as parroquias entre si, como o Teo Bus, e outros con servizos de transporte baixo demanda, como son Pontevedra ou Pobra de Trives, e que son modelos perfectamente exportables á Estrada.