A ESTRADA NON TERÁ PUNTO DE ENCONTRO FAMILIAR PORQUE O PP SE NEGA A PEDIRLLO Á XUNTA

O PP vota en contra da proposta socialista con explicacións “moi peregrinas”. López Bueno considera “inxeplicable” que o PP non queira para A Estrada o que si terán Lalín ou Ribeira.

27 de xaneiro. A Estrada non contará no ano 2022 cun Punto de Encontro Familiar como pedía o Partido Socialista. Este mércores ía a Comisión de Benestar Social a proposta socialista, que o PP rexeitou facendo uso da súa maioría.

Luis López Bueno considera que o PP “comete un erro gravísimo” neste asunto, e afirma que “é unha mala nova que Amalia Goldar se negue a pedir servizos novos para os veciños e veciñas da Estrada e da comarca”. Remarca que Lalín e Ribeira van ter este servizo “porque o pediron” e lamenta que o PP local teña mentalidade de Concello de segunda división. Sentenciou que “a min daríame vergoña ser concelleiro do PP e votar en contra disto”.

O líder socialista considera que Amalia Goldar debe dar explicacións de por que ela non quere para A Estrada un servizo que si van ter Lalín e Ribeira, onde tamén goberna o PP. Ademais acúsaa de non ser capaz de conseguir datos que xustifiquen a postura do PP. “Amalia fíxolle perder o tempo aos traballadores do Concello pedindo informes sobre cuestións que non son de competencia municipal para xustificar vagamente unha posición política do PP”, asegura.

López Bueno tamén reclama explicacións Concelleira de Benestar Social sobre por que en Lalín estiman en 80 familias a demanda potencial do servizo mentres que na Estrada ela a ve insuficiente. O socialista explica que Goldar non foi capaz de reunir datos e que debería traballar máis á hora de xustificarse. Recordou que se pedía un servizo para A Estrada e toda a área de influencia polo que “só a base de poboación é máis que suficiente para xustificar a necesidade”.

Tamén indicou que “o Concello só tería que ceder un espazo para prestar o servizo” e por iso valora como “moi peregrinas” as razóns do PP para votar en contra dunha moción que era “perfectamente asumible no político” e que suporía “un custo desprezable para o Concello: arredor de 15.000 euros nun concello que deixa sen executar millóns de euros todos os anos”.

Comentou que está “atónito” ante a postura do PP, que prefire que os veciños teñan que ir a Compostela ou a Pontevedra para utilizar servizos públicos “e de paso consuman alá”. Contrapuxo a situación de Ribeira e Lalín á da Estrada, “mentres eles gañan poboación e servizos, A Estrada pérdeos porque o PP non quere ofrecerlle servizos aos veciños”.

Volveu destacar que as únicas iniciativas en servizos sociais postas en marcha durante este mandato proveñen de propostas do Grupo Municipal Socialista. Os mellores exemplos son a gratuidade para segundos fillos e sucesivos na Escola Infantil Municipal, a implantación dun Centro de Atención Temperá, e a petición do aumento da aportación da Xunta para o SAF, cuestións que o PP “nin sequera tiña valoradas”.

Ademais, ve “gravísimo” que Amalia Goldar perciba nin máis nin menos que 30.000 euros ao ano e sexa “incapaz” de detectar as necesidades dos veciños e que incluso cometa erros que provocaron a perda de milleiros de euros para Atención Temperá.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.