O PSOE PROPÓN QUE O CONCELLO SOLICITE A AUTORIZACIÓN PARA A INSTALACIÓN DUNHA BOTICA ANEXA NA ZONA DO CENTRO DE SAÚDE DE OCA

López Bueno considera “fundamental” manter e ampliar servizos públicos e privados nas parroquias para combater a crise de poboación.

Avanza que “hai disposición” por parte da oficina de farmacia que ten prioridade.

19 de decembro. Luis López Bueno anunciou que o Grupo Municipal Socialista presentou unha moción na que se propón que o Concello da Estrada solicite a autorización para a instalación dunha botica anexa permanente no entorno do Centro de Saúde de Oca, que atenda a demanda farmacéutica que existe nesa área e que se viu desatendida polo traslado da oficina de farmacia que viña cubrindo a zona de Berres, Riobó, Remesar, Oca, Arnois, Loimil, Orazo e San Miguel de Castro.

López Bueno explicou que o Grupo Municipal Socialista recibiu numerosas preguntas e queixas sobre este asunto, e indicou que os veciños e veciñas “fan as súas demandas con toda a razón do mundo” e considera que “é lóxico reclamar unha atención farmacéutica próxima porque os veciños e veciñas da zona son de idade avanzada. Manifestou que o resto de Grupos Municipais tamén recibiron preguntas e indicou que o PP “coñece perfectamente o problema”.

O líder socialista explicou que a botica anexa é unha dependencia da farmacia máis próxima e que “na práctica funciona coma unha farmacia normal”. Valorou que a solicitude “ten todo o sentido” porque os veciños e veciñas da zona viron afectada a atención farmacéutica que recibían, e máis tendo en conta que as farmacias máis próximas están noutras Zonas Farmacéuticas (Silleda e Vedra).

O PSOE desbotou a posibilidade de solicitar unha nova oficina de farmacia porque “a Zona Farmacéutica da Estrada xa supera amplamente o máximo permitido pola Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia” e ve “extremadamente complicado” que se autorizara unha farmacia máis. En cambio, ve “axustado á normativa” o solicitar a Botica anexa permanente.

López Bueno manifestou que para o PSOE “é unha obriga manter e ampliar os servizos nas parroquias” porque “é a chave para combater a crise demográfica que afronta A Estrada e que ten ao Concello no peor dato de poboación en máis de 180 anos”. Considera que o Concello debe facer “moitos máis esforzos dos que fai” por resolver a prestación de servizos púbicos e tamén privados, como o servizo de farmacia ou de internet.

O líder socialista entende que a súa proposta sairá adiante por unanimidade e emprazou ao PP a “debater a proposta a vindeira semana e aprobar a moción no pleno ordinario de xaneiro”. Manifestou que sería “un grandísimo regalo de reis para os 1.964 veciños e veciñas da zona”.

López Bueno afirmou que a moción chega “cos deberes feitos” e trasladou que “sei perfectamente que existe vontade por parte da farmacia que ten prioridade para obter a autorización” e agradece a súa “boa disposición” e a “conciencia de servizo no rural”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.