O PSOE REVISARÁ A LEGALIDADE DA AMPLIACIÓN PÚBLICA DAS PISTAS DE PÁDEL

López Bueno considera “escandaloso” que o Concello constrúa un novo pavillón para que explote unha empresa privada “por 81 euros mensuais de canon”.

20 de outubro. O PSOE esixirá explicacións pola ampliación das pistas de pádel cun novo pavillón que lle custará ao Concello da Estrada nin máis nin menos que 100.000 euros. Ese novo pavillón unirase ao frontón, que xa recibiu 170.000 euros de todos os estradenses en ser reformado.

López Bueno considera “escandaloso” que o PP pretenda “construírlle unhas novas instalacións a unha empresa que as vai explotar” e que “unicamente paga 81 euros mensuais polo dereito a explotar “as pistas de pádel e a cantina”. Tamén advirte que o grupo socialista revisará “ata a última coma” para garantir que a actuación se axusta á legalidade.

Ademais diso, o socialista advirte que o custo da iluminación e outros subministros que empregan as instalacións actuais “corren por conta de todos os estradenses, págaas o Concello”. Así é que numerosos veciños alertaron de que a iluminación do pavillón está acendida ata a madrugada, e en ocasións non chega a apagarse durante toda a noite. A iluminación das instalacións deste tipo pode situarse “tranquilamente” en 15.000 euros ao ano segundo o tipo de focos que se empreguen.

O líder socialista considera que “o PP está sendo sospeitosamente xeneroso cunha empresa da Coruña” e considera que a ampliación das instalacións podería xerar interese doutras empresas dispostas a aumentar substancialmente o canon actual, que está moi lonxe dos prezos de mercado para este tipo de instalacións.

Ademais, López Bueno asegura que existen deficiencias no mantemento dos vestiarios e das propias pistas, e incluso nas tarifas, que son das máis caras da redonda, (catro euros de diferenza con Silleda, por exemplo).

López Bueno tamén considera “vergoñento” para o goberno local comprometer un investimento de milleiros de euros “para unha soa empresa” mentres o propio PP “foi incapaz de facer ningún tipo de esforzo nin de proposta para apoiar ao comercio local durante os meses máis duros da pandemia”, aínda que dende o PSOE fixemos propostas “pioneiras en Galicia” como o bono de consumo no comercio local.

O socialista asegura que A Estrada é dos pouquísimos concellos de Galicia que “non fixo absolutamente nada” polo tecido comercial e industrial. Indicou tamén que “non parece a dirección axeitada” para empregar os recursos do Concello. Nese marco, o socialista apunta a que “podían darlle 100.000 euros a cada empresa e xa está”.

O voceiro considera que “A Estrada podería obter un mellor acordo” tanto para o Concello en forma dun canon máis caro, como tamén para os usuarios en forma de tarifas máis asequibles.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.