De acordo co previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e demais normativa de aplicación, o Grupo Municipal Socialista do Concello da Estrada desexa someter á consideración do Pleno a seguinte MOCIÓN:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O antigo Centro de Saúde da Estrada sito na Avenida de Santiago perdeu a función para a que a Xunta de Galicia tiña adscrito o edificio. As instalacións quedaron baleiras o pasado xaneiro de 2021 e vai máis de un ano sen que o Goberno Municipal fora capaz de avanzar no ingreso do edificio no patrimonio municipal.
A Xunta de Galicia cumpriu pasado o ano dende o traslado, xa renunciou ao edificio e este obra agora en poder da Administración Xeral do Estado. Mentres a Xunta renunciou, o Goberno Municipal non foi capaz de facer ningunha previsión sobre o procedemento para recuperar o edificio, os usos que se lle poderían dar nin sobre o financiamento necesario para a reforma que precisará.
A situación do inmoble xa era deficiente cando se produciu o traslado do servizo ás novas instalacións. Esta é unha cuestión que lle debería constar ao Goberno Municipal, que foi advertido en numerosas ocasións sobre o deterioro das instalacións. Co paso do tempo, a situación do edificio só empeora, presentando problemas de humidades, filtracións, etc. sen que o PP sexa capaz de poñerlles remedio.
As deficiencias nas tarefas de conservación do edificio ameazan con estenderse á estrutura do edificio. Mentres a actitude pasiva do PP continúe, esa ameaza unicamente aumentará. Se finalmente se ve afectada a estrutura do edificio, a reforma que precisan as instalacións para poñelas ao servizo dos veciños e veciñas será inasumible para o Concello da Estrada e todos perderemos unha oportunidade única.
Ademais, os veciños e veciñas alertan sobre actividade no interior e arredores do edificio. O departamento de Benestar Social debería recoller información para confirmar se efectivamente existen inquilinos facendo vida no edificio e no seu caso, poñer á súa disposición as ferramentas de emerxencia social. Igualmente se debería reforzar a vixilancia das instalacións, xa que se está convertendo nun punto de encontro para mozos e mozas durante a madrugada.
Polo exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que se adopten os seguintes ACORDOS:
- Aclarar a situación xurídica dos terreos sobre os que se construíu o Centro de Saúde así como do propio edificio, e a posibilidade de solicitarlle á Administración Xeral do Estado a reversión do edificio.
- Solicitarlle á Administración Xeral do Estado o acceso ao edificio para elaborar un informe sobre as actuacións de conservación urxentes que precisa o edificio.
- Redacción dun proxecto para converter o edificio nun Centro Integral de Atención Social que agrupe os Servizos Sociais do Concello nun mesmo edificio, co obxectivo de mellorar a calidade asistencial e permitir a ampliación
de prazas. - Reforzo da vixilancia no entorno do vello centro de saúde.