O PSOE ESIXE MÁIS INVESTIMENTO DA XUNTA NA ESTRADA

López Bueno indica que é o momento de atender a continuación da autovía e a ampliación do Polígono industrial xa que a Xunta poderá gastar 958 millóns de euros máis que en 2022.

Considera “imprescindible” unha reunión entre o alcalde e o presidente, e di que é “inexplicable” que Rueda non anunciara aínda “nin un só compromiso co noso Concello”.

2 de agosto. O PSOE da Estrada esixiu onte que a Xunta acometa no ano 2023 os investimentos históricos que lle debe ao Concello. O voceiro municipal socialista, Luis López Bueno, indica que “é o momento” xa que se vén de anunciar un teito de gasto que amplía en 958 millóns de euros a capacidade nos orzamentos da Xunta.

Así, López Bueno di que se lle ocorren “958 millóns de razóns” polas que a Xunta debe atender “dunha vez” os compromisos adquiridos coa Estrada: tanto o “compromiso persoal do Presidente Feijóo” coa autovía que deixou sen construír como coa execución do “Plan de Solo Industrial de Galicia”.

López Bueno ve “inexplicable” que o Presidente Alfonso Rueda “aínda non fora capaz de anunciar nin un só compromiso coa Estrada”, e tilda de ridículo que as súas visitas como presidente ao noso concello foran para “escanciar uns culíns de Sidra e ver un anaco do Curro da Rapa das Bestas”.

O líder socialista remarca que estas dúas inversións son “fundamentais” no futuro da Estrada a nivel industrial e a nivel demográfico. Manifestou quesen esas infraestruturas “desgraciadamente para todos, será imposible manter os 20.000 habitantes”.

No que toca aos servizos públicos, López Bueno considera que A Estrada debe estar á altura do Concello de Ribeira e contar cunha Residencia Pública totalmente nova, que aumente as prazas dispoñibles e con capacidade para atender a dependentes. Recordou que Ribeira terá unha nova residencia e que a Xunta tamén se atopa en negociacións co Concello de Santa Comba. Parécelle “lamentable” que na Estrada sempre teñamos que ser “espectadores” mentres o resto de Concellos consiguen todas as súas pretensións.

Ademais diso, López Bueno tamén reclama o despregue de fibra nas parroquias a través do Tendido aéreo que xa está dispoñible. Reclamou máis feitos e menos negociacións entre a Secretaría Xeral de Urbanismo e a AMTEGA a respecto da prohibición de tirar fibra utilizando a infraestrutura de tendido eléctrico, e indicou que a Lei do Solo impide o desenvolvemento económico e social do rural galego avogando ás parroquias a estar desconectadas da internet.

Sobre estas demandas, o socialista recorda a súa petición dunha reunión entre o alcalde e o presidente para “abordar definitivamente os asuntos pendentes da Xunta coa Estrada”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.