López Bueno advirte de que as planchas do teito da zona de carga voan co aire.
Valora que é “indecente” que un edificio público reformado en 2015 se atope con “goteiras e chapuzas” dende a recepción da obra polo PP.
21 de outubro. Lonxe de cesar, as sombras sobre o edificio do Novo Mercado agrándanse cada vez máis.
López Bueno considera “indecente” que o edificio presente “goteiras e chapuzas” dende a recepción da obra no ano 2015, e achácalle ao PP eses defectos que continúan sen resolver máis de sete anos despois.
O líder socialista valora que o feito de que as planchas do teito voen co aire “é claramente inseguro para os praceiros e para os clientes” e agradece que a pesar do mal estado da infraestrutura “aínda non houbo que lamentar unha desgraza”.
López Bueno tamén opina que “as improvisacións do PP (como o canalón interno anunciado onte para resolver as goteiras) non resolven os problemas” e lamentou que o PP non apoiara a proposta socialista de redactar un Plan Integral de Mantemento de Infraestruturas Municipais. O socialista opina que redactando e aplicando ese documento “os edificios estarían en perfecto estado de revista, e non presentarían defectos tan vergoñentos coma estes”.
López Bueno tamén convidou a Óscar Durán e a Gonzalo Louzao, Concelleiros de Comercio e de Mercados, a que “pensen menos nas luces de nadal e se poñan a traballar de verdade”. Considera que é “inadmisible” que haxa dous concelleiros con competencias sobre o Novo Mercado e que ningún dos dous sexa capaz de atender as advertencias que lle fan chegar os propios praceiros.
O voceiro socialista considerou que “a praza precisa unha renovación interior e postos de todo tipo abertos todos os días” para facela máis atractiva e que volva a ser un polo comercial “toda a semana” e un motor “social e económico” para a zona.
Lamentou tamén que o PP se dedique a financiar “ocorrencias” como os 180.000 euros nas pantallas do Smartparking ou 10.000 euros por cada banco novo mentres os edificios municipais “están como todos podemos ver”.