LÓPEZ BUENO ESÍXELLE AO ALCALDE “MÁIS RESPECTO” PARA OS VECIÑOS DA AVENIDA DE SANTIAGO

López Bueno considera “inadmisibles” as declaracións de López Campos. Pide unha rectificación pública e recoméndalle que asuma a súa pésima xestión.

22 de decembro. Luis López Bueno esíxelle ao alcalde que trate con máis respecto aos veciños e veciñas da Avenida de Santiago. O líder socialista considera que as declaracións de López Campos no día de onte son “absolutamente inadmisibles” e demostran que o alcalde vive “instalado nunha torre de marfil na que non caben os problemas reais dos veciños”.

López Bueno tildou de “excusa de mal pagador” a alegación de que faltaba unha solución técnica para o mal estado do firme. Recordou que o propio rexedor non consideraba necesaria ningunha actuación hai apenas un ano, respondendo con evasivas ás preguntas do Grupo Municipal Socialista por esta cuestión.

O líder do PSOE local critica as excusas do alcalde afirmando que “ninguén cre que un técnico non atopara unha solución ao problema nos últimos catro anos”. Asegurou que o propio alcalde coñecía dende hai meses os problemas de filtración de auga baixo o firme da rúa e indicou que “se non se fixo nada foi por decisión política do PP, non porque fora difícil tecnicamente”.

López Bueno tamén valorou negativamente a escasa disposición do alcalde a reunirse coa plataforma veciñal para recoller as súas preocupacións. Considera que tanto o alcalde coma os concelleiros do PP pecan de “falta de traballo”, e pon como exemplo a xestión dos problemas na Avenida de Santiago, o atraso do departamento de urbanismo xestionando as licencias dos veciños e os prazos que avanza o PP e que incumpre sistematicamente.

O voceiro socialista tamén lle recomendou ao PP que “asuma a súa pésima
xestión” en vez de atacar aos veciños e veciñas que defenden lexitimamente as súas reclamacións “aínda que ao alcalde lle moleste”. De feito, López Bueno considera que esta situación non é un fenómeno illado, se non que “os veciños e veciñas das parroquias saben ben que o PP non traballa. A resposta que dán os concelleiros do PP sempre é un si, pero as peticións dos veciños nunca se atenden”.

Para rematar, o líder socialista tamén lle recomendou ao alcalde que “rectifique publicamente agora que está a tempo, porque do contrario demostrará unha vez máis a súa prepotencia e falta de empatía, que son cualidades indesexables para calquera alcalde”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.