LÓPEZ BUENO VE POUCO AMBICIOSA AS REFORMAS NO IMPOSTO DE VEHÍCULOS E DAS PLUSVALÍAS

O voceiro socialista considera que o PP perde unha oportunidade de “repartir mellor a carga fiscal”

5 de abril. Luis López Bueno ve “pouco ambiciosa” a reforma do IVTM e do imposto de Plusvalías que levará adiante o PP. O socialista considera que son reformas “necesarias” pero que perden a oportunidade de repartir mellor a carga fiscal.

Respecto da reforma do IVTM para incluír bonificacións aos vehículos máis respectuosos co medio ambiente, o socialista advirte de que “A Estrada chega tarde”. Indica que outros Concellos xa incorporaron estas bonificacións no ano 2020 e foron de aplicación durante 2021, mentres que na Estrada “aínda se aplicarán en 2023”.

Ademais ve na bonificación “unha medida cosmética” xa que suporá só 6.000 euros que o Concello deixa de ingresar. Non hai un esforzo económico real, cando menos neste momento. Ante o imposto de vehículos máis caro do Deza-Tabeirós, López Bueno bota en falta unha organización diferente do  coeficiente de incremento nas cotas tributarias (marcadas por lei). A Estrada incrementa o mínimo legal nun 26% para todo tipo de vehículos, independentemente do seu tipo e cabalos fiscais.

Para o líder socialista isto é “inxusto” porque lle supón o mesmo coeficiente de incremento a un coche de 14 cabalos fiscais, (que calquera veciño ou veciña usa a diario para facer vida), e a un vehículo deportivo que supera amplamente os 20 cabalos fiscais. Indica que sería “moito máis razoable” rebaixar o multiplicador para os vehículos xerais e aumentalo para os vehiculos de grande cilindrada, como fan outros concellos como Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Lalín.

Ademais tamén considera que sería posible moderar ese 26% para vehículos de transporte. López Bueno considera que “son ferramentas de traballo” e como tal “deberían estar menos gravadas”. Tamén considera que sería “unha medida de apoio ao sector do transporte e a todo o tecido económico local”.

No Imposto de Plusvalías, López Bueno indica que “a Lei cambiou a forma de cálculo do imposto e polo tanto hai que adaptalo na normativa municipal”. Aínda así, o voceiro ve “mellorable” o mecanismo de bonificacións proposto polo PP. “Non ten moito sentido que se desconte o mesmo a un herdeiro que reciba 15 vivendas que a outro que recibe 2” afirmou. López Bueno propón adecuar a bonificación a tramos polo valor da herdanza recibida, como acontece no imposto de sucesións galego.

Fóra destas cuestións, López Bueno criticou a postura “demagóxica” do PP respecto á política fiscal. Considera “pouco serio” que o PP pida a eliminación de impostos no Estado pero que non actúen como predican nas institucións que gobernan. Puxo como exemplo o imposto de Plusvalías, que é potestativo para os Concellos. Advertiu de que o PP da Estrada se contradí seguindo as “posturas populistas” do seu partido nos debates do Pleno e despois non  eliminen ou moderen os impostos potestativos do Concello (ICIO e Plusvalías).

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.