LÓPEZ BUENO INSTARÁ AO PP PARA SOLICITAR OS OBRADOIROS DE EMPREGO EN 2023 PARA NON PERDER 1 MILLÓN DE EUROS COMO ACONTECEU NO 2022

Valora como “esperpéntica” a xestión do PP, que non solicitou dúas subvencións de ata 1.007.974 de euros que financiarían todos os gastos de persoal e xestión dos programas.

Ve “incomprensible” que o alcalde  renunciara a contratar 40 persoas que traballarían para o Concello e terían certificación profesional ao rematar.

18 de outubro. Luis López Bueno instará ao PP no Pleno de Novembro para que comece a preparar os trámites de solicitude dos Obradoiros de Emprego para o ano 2023. O líder socialista considera “esperpéntica” a decisión do PP de non solicitar para o ano 2022 as subvencións para talleres duais de emprego nin do programa de emprego para persoas xoves que convoca a Xunta de Galicia.

Estas subvencións chegarían ao importe combinado de 1.007.974,00 euros e permitirían a contratación de 40 traballadores e traballadoras que gozarían dun ano de formación e emprego, ademais de prestar os seus servizos para o Concello da Estrada. Considera “sorprendente” que no Concello da Estrada se deixe pasar máis dun millón de euros e que “non pase absolutamente nada nin ningún concelleiro asuma a súa responsabilidade política”.

López Bueno indica que é “incomprensible” que o alcalde non solicitara ese financiamento “coa cantidade de cuestións que ten sen atender” e que se poderían resolver coa presenza destes traballadores e traballadoras. O socialista ve “centos de exemplos” nas tarefas que se poderían asumir por ese persoal “como a xardinería municipal” ou incluso a realización doutras melloras en espazos públicos como escolas unitarias”. Tamén indicou que “se o alcalde non ten ideas sobre as cousas que poderían facer eses traballadores, eu si”.

O voceiro explicou que o Concello tería que poñer “moi poucos recursos” para levar adiante estes plans de emprego e opina que o feito de non solicitar o financiamento dá boa conta da “nula capacidade de traballo dos concelleiros do PP”, que “ou ben toman decisións inexplicables ou ben non se deron conta de que rematara o prazo de solicitudes, que xa non sería a primeira vez que lles pasa”.

López Bueno considera “fundamental” acceder a unha ferramenta que utilizan os concellos de Lalín, Dozón, Moraña-Valga e Caldas de Reis e moitos outros de todo Galicia, e indica que se requerirá ao Concello porque as neglixencias do PP non as deben pagar “nin os veciños e veciñas nin a vindeira corporación municipal”.

Ademais, o socialista tamén indicou que “o Concello está como está por cousas coma esta” e tamén sostivo que o feito de perder 1 millón de euros é o mellor exemplo de que o PP da Estrada “non ten como prioridade o emprego dos veciños e veciñas”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.