O socialista lamenta que Goldar intente convencerse a si mesma con argumentos “moi febles”
29 de xaneiro. López Bueno respondeu ás declaracións de Amalia Goldar nas que esta última acusaba ao socialista de demagoxia. O voceiro do PSOE quixo responder ás “imprecisións” de Amalia Goldar e recordarlle que “o único que importa é que o PP votou en contra de que un novo servizo veña para A Estrada”.
O socialista destacou que “Amalia puxo a camiseta do PP e comprendo que teña que saír a defenderse polo papelón de votar contra un servizo novo”, e lamenta que “os argumentos do PP son moi febles, nós non o entendemos e os veciños e veciñas tampouco”.
López Bueno volveu a instar á Concelleira de Benestar Social para que explique por que Lalín e Ribeira si reúnen as condicións para acoller un Punto de Encontro Familiar e A Estrada (a xuízo do PP) non. O Socialista recordoulle que o servizo se pide para A Estrada e a zona de influencia, polo que “simplemente coa base de poboación xa estariamos en posición de xustificar a necesidade”.
Tamén lle recordou que as súas contas son de usuarios actuais e non de usuarios potenciais, e que unicamente ten informes de servizos municipais que “non son competentes para este asunto”. Ademais diso, dixo “lamentar” que Goldar queira facerlle oposición á oposición cando “somos os únicos que levamos propostas ao seu departamento. Ata hai tres semanas Amalia non tiña nin idea de que se podía solicitar un Punto de Encontro Familiar”.
O líder socialista non se explica que Goldar vexa un problema na posta a disposición dun local e os 15.000 euros que custaría acondicionalo. López Bueno explica que “A Estrada ten locais para poñer a disposición mañá mesmo”. Asegura que neste asunto non hai trabas legais nin motivación económica, se non que “é ter vontade política ou non tela”.
Tamén rebateu á concelleira indicándolle que “se informe ben” porque a moción pedía que a Xunta asumira a xestión do servizo como fai en todos os Puntos de Encontro Familiar polo que “o Concello non tería que poñer ningún persoal”.