LÓPEZ BUENO RECLAMA UNHA REUNIÓN OFICIAL ENTRE RUEDA E O ALCALDE PARA TRATAR AS DÉBEDAS DA XUNTA COA ESTRADA

O voceiro socialista considera que “non é de recibo” que na primeira visita do Presidente Rueda non se anunciara ningún compromiso da Xunta co Concello.

Entende que deberían estar sobre a mesa a Autovía, Solo Industrial e Residencia pública.

7 de xuño. López Bueno esixe unha reunión entre o novo Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde da Estrada, José López Campos, na que se traten as débedas que a Xunta mantén coa Estrada dende hai anos.

O líder socialista considera que a primeira visita de Rueda á Estrada como Presidente foi “unha oportunidade perdida”, porque “estivo de paso na Feira da Sidra e nada máis”. López Bueno bota en falta que non se anunciara ningún compromiso da Xunta co Concello da Estrada, e valora que “existen débedas da última década que aínda non foron atendidas”.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista ve “máis que necesaria” unha reunión que debería tratar asuntos como a Autovía AG-59, o desenvolvemento de solo industrial e a necesidade dunha Residencia pública de maiores.

López Bueno considera que tanto a Autovía como o solo industrial son cuestións estratéxicas para A Estrada ao ser investimentos “decisivos” no futuro do Concello.

Para o socialista, o retraso no proxecto da autovía é inxustificable e considera que o “compromiso persoal” – en palabras do Alcalde- do Ex- Presidente da Xunta Núñez Feijóo “ao final non era tanto”. Esa falta de compromiso demóstrase ano a ano no Orzamento da Xunta de Galicia, no que a partida consignada é ridícula (2.000.000 €) e nunca se executa.

Ademais, advirte de que á falta de compromiso da Xunta hai que sumarlle a actitude “pouco estradense” do Alcalde, que recoñeceu que foi “xeneroso e comprensivo” coa Xunta sobre esta cuestión. Para López Bueno a actitude do alcalde debía ser ben distinta, defendendo os intereses dos veciños e veciñas “sen estridencias pero sen medo”.

Ademais, considera que a inclusión do Polígono Industrial de Toedo no Plan sectorial de Áreas Empresariais de Galicia non lle fixo ningún favor á Estrada. “Pasamos de ter 280.000 metros públicos a tan só 160.000” afirma.

López Bueno considera que un número de metros tan escaso “non permite que se asenten na Estrada industrias grandes que xeren un número considerable de postos de traballo” e que polo tanto “hai que aumentalo como sexa” e debe executarse o desenvolvemento “máis pronto ca tarde”.

Nese sentido, advirte de que “se a Xunta non asume un compromiso co solo industrial, hai que cambiar de socios e contar con Zona Franca de Vigo e Suelo Empresarial del Atlántico, que si teñen sensibilidade coa Estrada”.

López Bueno tamén ve necesario que se aborde a posibilidade da construción dunha Residencia pública de maiores, como as que terán o Concello de Santa Comba e o Concello de Ribeira, por exemplo. Opina que a demanda e o tamaño do Concello da Estrada xustifican sós este investimento e non comprende por que a Xunta trata á Estrada “moito peor que aos demais”.

Entende que a Xunta debe ofrecer garantías de que eses investimentos sairán adiante “con prontitude” porque “non se trata de pedir ningún favor, só reclamamos o que nos corresponde” e indica que “A Estrada non pode esperar máis pola Xunta”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.